O recuncho de Jaime Fernández Iglesias

Adro da igrexa de Moncelos: onde decidir e festexar unidos

O lugar, coidado pola comunidade de montes, é un punto de encontro desta parroquia abadinesa
Campo da festa de Moncelos. C.PÉREZ
photo_camera Campo da festa de Moncelos. C.PÉREZ

Localización

Circulando pola LU-113 cara a Abadín, hai que coller á esquerda nada máis entrar en Moncelos (o sinal xa pon igrexa) e percorrer uns 500 metros para chegar.

Acondicionamento

A comunidade do Monte de Argán encárgase de manter "curioso e limpiño" o contorno da igrexa, onde fixo diferentes melloras ao longo dos últimos anos: acondicionou toda a zona, mercou predios para aparcadoiro e asumiu a ampliación do cemiterio municipal...

Cemiterios

O cemiterio parroquial, segundo conta Jaime, conta con tres fases de construción. Aos nichos máis antigos sumáronselle novos panteóns hai décadas e, ante a demanda de espazo, outra ampliación hai pouco. Ademais, hai un cemiterio civil, cunha única tumba dos anos 20.


Contorno da igrexa de Moncelos. Cobertizo preto da igrexa. C.PÉREZ
Contorno da igrexa de Moncelos. Cobertizo preto da igrexa. C.PÉREZ

"A primeira foto que me fixeron fíxoma Aquilino (Iglesia Alvariño)", conta Jaime Fernández Iglesias, presidente da Coral Polifónica de Abadín, dando conta dos lazos familiares que o unen ao célebre autor de Cómaros verdes, co que comparte parroquia abadinesa de nacemento, Seivane de Vilarente.

Mais cando lle tocou escoller onde crear o seu fogar, acabou por mirar cara ao berce do seu pai, a veciña Moncelos, e foi alí onde construíu unha casa —grazas ao que gañaba traballando en Holanda, onde botou nove anos emigrado—, non moi lonxe do que acabou por converterse no que hoxe é o seu lugar favorito: o adro, ou máis ben todo o coidado contorno da igrexa de Santiago de Moncelos.

Cobertizo preto da igrexa. C.PÉREZ
Cobertizo preto da igrexa. C.PÉREZ

"Gústame porque é un sitio chan, bonito, a onde acudimos moitas veces e ademais habemos ir todos para alí", di Jaime, con voz seria e ollar retranqueiro. "É o punto de encontro para case todas as reunións parroquiais porque hai sitio onde estar dentro, hai un cobertizo xeitoso, é o centro da parroquia e está ben comunicado", engade, aclarando que, aínda que algúns encontros tamén se fan na escola, "xuntarse alí unha vez ao ano case é obrigado".

E a esa reunión úneselle outra igualmente importante, a das festas patronais do Santiago, sempre o 25 e o 26 de xullo. "Antes facíase tamén a Concepción, pero hai moito que non a hai, e xa só a recordo cinco ou seis anos", lembra.

Jaime leva 14 anos xubilado, pero antes fixo un pouco de todo, como traballar cun tractor, pór en marcha en Moncelos o viveiro Costa de Lóngaras, que agora leva o seu fillo, ou ter un almacén de pensos en Lugo. 

Igrexa de Santiago de Moncelos. C.PÉREZ
Igrexa de Santiago de Moncelos. C.PÉREZ

Contador de historias nato, vai debullando a historia persoal, a familiar, a da parroquia... E non dubida: "Os recordos máis bonitos son os dos meus anos mozos, que había unha festa aquí como case non había en ningún outro sitio; eramos 125 casas e moita xente en todas e viñan as mellores orquestras, 'lo mejorcito que había' (Lamas La Piña, Los Trovadores, Los Satélites, Novedades de Rábade), estaba sempre desexando que fose a festa", rememora un home que fala co saber que lle outorgan os seus 78 anos e o espírito daquel raparigo ilusionado.

Acceso ao cemiterio civil de Moncelos. C.PÉREZ
Acceso ao cemiterio civil de Moncelos. C.PÉREZ

Comentarios