Adolfina Mesa: "Creo dende unha realidade que levo ao meu mundo de cor e de poesía"

As paisaxes e a figura feminina son os motivos predominantes nas cerca de 30 obras que compoñen 'Cromatopía', a mostra promovida por Culturalia GZ e o Concello de Cospeito que vén de inaugurar a artista Adolfina Mesa e que a súa vez serve para presentarlle ao mundo a nova sala de exposicións do Museo das Aves de Feira do Monte. 

Adolfina Mesa, con algunas das súas obras. C.PÉREZ
photo_camera Adolfina Mesa, con algunas das súas obras. C.PÉREZ

Vén de inaugurar ‘Cromatopía’ en Cospeito, que vai atopar o espectador nesta exposición?

Unha obra onde predomina a paisaxe, a figura e imaxe feminina, entre outras; imaxes do mundo real cun escenario de cor-espazo onde se artellan distintos cronotopos e se relacionan na trama textual e cromática, e onde procuro crear unha atmosfera especial e un determinado efecto nas emocións dentro dun diálogo entre a obra e o espectador, onde tempo, cor, espazo e poesía se unen. 

Como definiría o seu estilo?

Síntome moi identificada agora mesmo dentro do expresionismo abstracto e mergullada nunha paleta policromática, aínda que navego no mar doutros estilos como o realismo, o abstracto, o impresionismo, entre outros, sempre creando dende unha realidade que levo ao meu mundo de cor e poesía. 

Que técnica prefire? 

Traballo con diferentes técnicas, como son acuarela, óleo, acrílico, pasteis, lapis de cores, carboncillo, pero predominan os cadros en óleo, acrílicos. 

Nas miñas clases sempre procuro, antes de nada, que o alumnado disfrute e se relaxe, que sinta o que fai como algo a desfrutar

E que temática predomina?

A temática predominante actualmente vai cara á muller, á figura feminina, procurando tocar a sensibilidade en prol da igualdade, e en contra a violencia de xénero, unha loita contra o machismo. Sen deixar de ter presentes obras de diversas temáticas, dentro do expresionismo abstracto, como a paisaxe, naturezas mortas, retratos, o abstracto puramente dentro da arte contemporánea e a figura.

Vai impartir un curso de pintura en Pino, que tenta transmitirlles aos seus alumnos?

Polo pronto agardamos confirmar as matrículas. Pero podo dicir que nas miñas clases sempre procuro antes que nada que o alumnado desfrute e se relaxe, que sinta o que fai como algo para desfrutar. E procuro sempre deixar o mellor de min, sementando neles a creatividade, a iniciativa e a liberdade de escoller o eido onde se sintan máis cómodos, e que poidan reflectirse nas súas obras, dentro das súas posibilidades a medida que avanzan. Sempre coa perspectiva a superarse e non ver límites por non dominar algunha técnica, xa que o obxectivo é pintar e desfrutar ao mesmo tempo que aprenden.

Pintar para un mesmo e ensinarlle a outro a usar o pincel obriga a cambiar un chip mental?

Por suposto, procuro estar no lugar de cada un dos meus alumnos e alumnas, e dende un principio intento coñecer a súa personalidade e o nivel que poida traer, se o ten, ou se é un principiante que vén con ánimo de pintar e aprender. Cando pintas para ti mesmo nadas na experiencia que tes e vas á velocidade dos teus coñecementos e posibilidades que che permite a obra na que traballas. Cando ensinas tes que ir pouco a pouco para que se sintan cómodos e capten a mensaxe que lles deixas en cada pincelada e clase. Non se nace correndo sen antes ter agatuñado, tropezado, e camiñando pouco a pouco alcanzando esa velocidade para correr posteriormente con seguridade. 

Tamén vén de presentar en Vilalba o seu primeiro poemario en solitario Poemas y catarsis. Que lle achega a escrita que non o fai a pintura?

Para min a poesía e a pintura conviven dentro de min nunha simbiose moi equilibrada, aínda que son dúas ramas artísticas moi diferentes na forma en que se fan realidade. Non é o mesmo coller un pincel e pintar sobre unha superficie, ben sexa un lenzo ou outro soporte, que coller un boli, lapis ou estilográfica e escribir sobre un folio ou transcribir nun teclado. Para pintar necesitas ter coñecementos que van máis aló da escrita; non obstante para min a poesía está presente en todo e sobre todo na miña pintura, onde intento plasmar cor e palabra para poder alcanzar ese diálogo que busco co espectador.

A poesía e a pintura conviven dentro de min nunha simbiose moi equilibrada

Estudou Ciencias Empresariais, que a levou a interesarse polo mundo artístico?

Desde nena sempre me amosei moi inqueda coa pintura e o debuxo, de feito, lembro cando tiña sete aniños xa gañara un premio nun concurso de pintura infantil, algo que me deu moita satisfacción e que sempre me emociona ao recordalo pola forma en que se desenvolvera o certame. A pintura habita en min dende que teño uso de razón, pero sempre pintei para min. Cando comecei no mundo laboral fíxeno na rama administrativa e na industria metalúrxica e petroleira e non dispoñía de tempo para adicar á pintura de xeito formal. Foi estando xa establecida en España cando me atrevín a facer a miña pintura pública e a amosala de forma artística, incursionando en exposicións individuais e colectivas e impartindo clases a través do Concello de Monterroso e de asociacións culturais. En Málaga estiven traballando unha temporada nunha empresa de benestar social impartindo clases de pintura e artes decorativas nos centros que tiña asignados.

E como percibe o mundo artístico en Galicia? Hai semellanzas ou diferenzas co de Venezuela, o seu país de orixe?

Galiza ten un abano de artistas moi diversos nos seus estilos e de gran nivel e penso que hai oportunidades para todos dentro da cultura, aínda que certamente é moi difícil alcanzar a posibilidade económica de vivir só da pintura, é preciso ter un plan B, que che permita facer máis levadeira a situación particular do artista, cousa que tampouco resulta doada de atopar. Por outra banda, penso que non é comparable a situación de España con Venezuela, xa que por desgraza non hai oportunidade para ninguén sexa da profesión que sexa estando alí, coas condicións políticas e sociais que ten. Oxalá logren alcanzar a liberdade e as condicións que tivo ese fermoso país que sempre foi unha terra de bonanza e oportunidades para todos os venezolanos e inmigrantes que chegaron buscando oportunidades para unha vida mellor e lograron atopala co seu traballo. 

Que pode avanzar dos seus próximos proxectos?

De inmediato teño concertadas algunhas exposicións: unha individual en Vilalba en marzo, na casa da cultura, unha colectiva en Portugal (Arte na Raia) e outra en conxunto coa artista e poeta Ester de Sousa e Sá en Silbade para o 25 de Abril.  Hai outras baixo proxecto pero aínda non confirmadas. Teño a intención de tomarme un descanso para crear nova obra.e valores

"O primeiro que pintei foi unha árbore con moitos paxariños"
Naceu en Venezuela e leva máis dunha década en Galicia, un é de onde nace ou de onde pace?
Eu síntome adoptada por Galiza, e, como tal, unha galega máis. Aínda que teño o meu embigo repartido tamén na terra venezolana e na canaria, en Tenerife, lugar natalicio do meu pai.
O recuncho favorito da Chaira?
O Paseo dos Soños de Vilalba.
Un pintor?
Gustav Klimt.
Un cadro?
Podería citar varios, pero vou nomear O Bico, de Gustav Klimt.
Unha cor?
Vermella.
Lembra o primeiro que pintou?
De pequena, unha árbore con moitos paxariños.
Un escritor?
Gabriel García Márquez.
Un verso?
"Pés para que vos quero, se teño ás para voar", de Frida Kahlo.
Unha imaxe vale máis ca mil palabras?
Como pintora que conxuga a cor coa palabra, penso que si.

Comentarios