Adeus a Chus Zapata, perruqueira en Castro

Chus ZapataQuen ten luz, alumea sempre. É unha frase que se repetiu nestes días nas incontables condolencias e mostras de agarimo para todos os seus que se sucederon tras coñecerse a noticia do falecemento de María Jesús Zapata Sánchez. Chus, como todos a coñecían, tivo que marchar antes de tempo e fíxoo deixando un oco que será difícil, por non dicir imposible, de volver encher. Primeiro, por irse tan nova e segundo, e non menos importante, polo querida que era.

O seu espírito de loitadora estivo sempre presente ata o seu último alento. Ese espírito do que ela non se gababa, pero que amosou e demostrou dende moi nova, cando empezou a traballar de perruqueira aos 18 anos. Emprendedora nata, montou o seu propio negocio na Rúa Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea, localidade á que estivo vencellada desde sempre pese a nacer no veciño concello de Outeiro de Rei. Non sen traballos, puido sacar adiante Zapata Estilistas e tamén a dous nenos pequenos, que agora, xa grandes, continuarán co seu legado nunha perruquería á que Chus soubo darlle un estilo propio que moitos valoraban.

O seu falecemento causou un fondo pesar e moitos amigos, coñecidos e veciños non dubidaron en cualificar a súa marcha como unha gran perda. Sempre cun sorriso, tiña palabras de ánimo para aquel que as necesitara, aínda que a ela lle poideran facer falta nese momento. Facía maxia coa súa positividade e deixaba un pouso de amor e comprensión por onde pasaba. E non dubidaba en participar e involucrarse en calquera actividade que se fixese na vila. Un exemplo no persoal e no profesional, o que a levou a ser unha das elixidas para protagonizar no pasado mes de marzo o vídeo institucional do Concello de Castro de Rei polo 8-M, como estandarte da muller emprendedora.

Aínda que a súa despedida foi na intimidade, os seus fillos Tatiana e Juanjo e o seu marido Pepín senten agora de volta todo ese amor que repartiu Chus, da que todos lembran a luz que desprendía.