Adeus a Carmen Corral Álvarez, para todos Carmen da Depuradora

Carmen da Depuradora ante o seu mural e un retrado dela CONCELLO DE AS PONTES EP
photo_camera Carmen da Depuradora ante o seu mural, obra de Yoseba MP, e un retrado dela. CONCELLO DE AS PONTES / EP

Aló polo ano 2017, o retratista por excelencia das superavoas, Yoseba MP, entraba a formar parte do universo do As Pontes EnPezas coa súa particular Lady Falcón. E se son moitos os que dende aquela se namoraron da súa visión da benquerida Carmen Corral Álvarez, para todos Carmen da Depuradora, o artista quedou prendado dunha "carismática" muller, dando conta da facilidade da nonaxenaria para baixarse e recoller landras para os porcos sen parar de falar nin un segundo, contándolle historias sobre aquela chaboliña onde vivía ou aquel billete de mil pesetas, o primeiro que vira na súa vida, o primeiro soldo que recibía o seu home da Empresa Nacional Calvo Sotelo. El encagouse do mantemento desa depuradora que deu pé ao sobrenome de Carmen, un alcume que perdurou mesmo cando xa non vivía alí, aínda que non marchase moi lonxe, apenas ao outro lado da rúa.  

Aos 95 anos, sobre a característica bola, inmortalizouna o artista, co non menos característico mandilón, aínda que nunca tanto coma os sorrisos que se reflectían na luz coa que te miraba, eses que agasallaba con tanta xenerosidade coma as súas conversas. E foi moito o tempo que tivo para facelo. Ata os 102 anos. Ata este sábado 24 de febreiro no que As Pontes lle di adeus a unha institución nun deses concorridos velorios nos que antes non era raro atopar a Carmen. Ata este domingo 25 de febreiro, no que ás catro da tarde se oficiou unha misa polo seu eterno descanso na igrexa parroquial de Santa María das Pontes

E Josiño respondeulle: "Ti non vas morrer porque sempre te imos lembrar, porque te fixeches querer"

Mais Carmen da Depuradora, a que paseaba polo Rego do Muíño co seu canciño, a que nalgún tempo tivo un xardín que era ata photocall de casamentos, a cuxa porta acudían os nenos para facer bonecos de neve cando caían unhas folerpas, a que non se perdía unha xuntanza das do seu nome, a que, xa no club dos centenarios, acudía ilusionada á primeira comida dos maiores do municipio porque non podía faltar logo de recibir una carta convidándoa, esa muller nunca marchará, non esmorecerá. 

Ela é historia das Pontes, unha desas matriarcas ás que lles canta Guadi Galego. Unha superavoa das que din: "E ti come, neniño", tal e como lle dixo a Yoseba MP o día que xantaron xuntos logo de rematar ese gran mural da Avenida de Galicia ao que tamén fai referencia o xornalista pontés Xosé Cendán na súa despedida en redes de Carmen, recollendo as palabras dela: "Josiño, agora xa non vou morrer nunca. Vou quedar aquí para que pregunten quen é a vella esa".

E Josiño respondeulle: "Ti non vas morrer porque sempre te imos lembrar, porque te fixeches querer". Pouco máis se pode dicir. DEP muller falcón.