domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Vilalba e As Pontes abren novas ventás cara ao mundo laboral

Alumnos do IES Lois Peña Novo do curso de operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. M. ROCA
Alumnos do IES Lois Peña Novo do curso de operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. M. ROCA

Os IES Lois Peña Novo e o Castro da Uz acollen este ano cinco formacións profesionais en distintos sectores para persoas desempregadas, nas que participan 75 alumnos

Adecuar a oferta de formación profesional ás demandas e necesidades do tecido industrial e produtivo é o obxectivo co que as consellerías de Emprego e Igualdade e de Cultura, Educación e Universidade se uniron para promover cursos para persoas desempregadas que se imparten nos centos educativos de FP, e o IES Lois Peña Novo de Vilalba e o IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes forman parte deste proxecto.

Os dous centros xa teñen en marcha os cinco cursos que lles aprobaron e que están incluídos no mencionado acordo entre consellerías, dos que se benefician un total de 75 alumnos, 15 por actividade.

No instituto vilalbés, impártese unha formación sobre operacións auxiliares de montaxe e mantemento de sistemas microinformáticos, outra sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais e outra sobre operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. Este último curso tamén se imparte no IES Castro da Uz, xunto ao de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.

Os cursos son de tubaxe industrial, electromecánica de vehículos, informática e atención sociosanitaria a dependientes

Para acceder a estas formacións para o emprego, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego ou formar parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Os cinco cursos que se están impartindo nos IES Peña Novo e Castro da Uz forman parte dun acordo que inclúe 111 cursos, dos que 52 son na provincia da Coruña, 22 na de Lugo, once na de Ourense e 22 na de Pontevedra. Ademais da formación específica de cada un, todos inclúen un módulo transversal de dez horas de inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero e outro formativo de oito sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica

A Xunta de Galicia inviste este ano 4,6 millóns de euros nestas actividades, coas que se busca brindar unha oportunidade máis para o acceso ao mercado laboral no caso de persoas desempregadas, e máis na situación actual de crise social e económica derivada da pandemia do covid-19 e aproveitando o impulso que se lle deu á FP na última década, que supuxo un aumento de máis do 50% na súa matriculación.

Vilalba e As Pontes abren novas ventás cara ao mundo laboral
Comentarios