Aberto o prazo para presentar obras ao IV Premio Agustín Fernández Paz

O Iescha, o Concello de Vilalba e Xerais convocan un certame dotado con 3.000 euros
2020042414094152240
photo_camera Entrega del premio a Antía Yáñez, la última ganadora. AEP

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia convocan a cuarta edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, dotado cun único galardón que inclúe 3.000 euros en metálico e a publicación por parte da citada editorial.

O prazo para presentar as obras abriuse, como xa é tradición neste certame literario, onte, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro, e pecharase o vindeiro 12 de xullo, data do cuarto cabodano do falecemento do recoñecido escritor vilalbés. O xurado emitirá o seu ditame na última semana de outubro.

Os traballos deben ser narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil e cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza ou nacionalidade. A extensión será libre e deben presentarse encadernados, por cuadriplicado, baixo o sistema de plica —nun sobre aparte, figurará só o lema no exterior e, no interior, o título da obra, o lema e os datos do autor—, e remitirase ao Instituto de Estudos Chairegos, Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura), Apartado de Correos nº39, 27.800 Vilalba (Lugo).

O libro gañador da última convocatoria, Plan de rescate, de Antía Yáñez, verá a luz a finais de este ano ou principios de 2021

"A temática está limitada á iguladade, que era unha loita importante de Agustín. Que o premio se centre neste aspecto supón achegar a un colectivo dunha determinade idade esa sensibilidade que el tiña e a idea da diversidade de persoas que conforman o mundo", explicou a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, que recoñeceu que na entidade se senten "moi contentos" pola importancia que adquiriu un premio pensado "para perdurar no tempo e que fora un referente na sociedade literaria, como recoñecemento á figura de Agustín".

Nesta liña, destacou o gran nivel de participación e a calidade das obras presentadas nas tres primeiras edicións. De feito, "houbo obras que non gañaron o premio e que se publicaron igual", subliñou. Nelas, resultaron galardoadas "tres mulleres con relación con Vilalba e con Agustín e cun nome importante na literatura, o que dá un valor engadido ao premio".

María Reimóndez gañou o primeiro ano con Fóra do normal, libro centrado na problemática trans; Rosa Aneiros foi a vencedora na segunda edición, con Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, na que fala das relacións interxeracionais e a emigración. A última convocatoria gañouna Antía Yáñez, con Plan de rescate, ambientada na aula de apoio dun colexio e que está previsto que se presente a finais deste ano ou principios do seguinte, segundo avanzou Marisa Barreiro.

Por parte do Concello de Vilalba, que contribúe aportando a metade da dotación económica (a outra corre a cargo do Iescha), agardan que "continúe a alta participación" nun certame literario "xa consolidado e que de seguro terá longa vida porque xa ten o seu importante lugar dentro das convocatorias galegas".

Comentarios