Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Abadín, a aposta do Grand Prix enxebre

Varios veciños observan unha das carrilanas participantes. EP
Varios veciños observan unha das carrilanas participantes. EP

As carrilanas teñen unha nova cita este domingo no Alto da Corda ► O descenso chairego por excelencia, que está a piques de cumprir a maioría de idade, mira ao futuro coa idea de conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia

A PUNTO DE CUMPRIR a maioría de idade, a Baixada de Carrilanas da Corda, en Abadín, xa está consolidada como o Gran Prix da Fórmula 1 máis enxebre da provincia. Cun circuíto de tres quilómetros e 600 metros de longo, foi durante anos a única proba puntuable en Lugo para a Copa Galicia, un campionato que regula a Federación de Deportes de Inercia e no que este ano se estreará Alfoz –hai outras citas coas carrilanas como a de Chantada, Folgoso do Courel ou Burela, pero non son puntuables–. E a conta atrás xa comezou. Só quedan cinco días para unha nova edición, que reunirá en Abadín aos amantes da velocidade sen motor.

"A primeira baixada foi improvisada entre veciños, con seis carrilanas feitas por nós, todo moi rudimentario, pero a afluencia de público foi incrible", recorda Gonzalo Basanta, presidente da asociación Carrilanas A Corda dende a novena edición, mentres bota a vista atrás e fala dun evento que cambiou moito –"cando empezamos era un festexo e agora é deporte de competición"– e que busca o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, un título que só teñen as carrilanas de Esteiro, en Muros.

"Nesa só se permiten carrilanas de madeira pero non é puntuable para a Copa de Galicia –este ano inclúe 14 carreiras na comunidade e dúas en Portugal–", explica Gonzalo, que asegura que o reto de Abadín pasa por unir competición e exhibición nun evento que reúne cada ano unha media de 40 vehículos, que van desde os deseños máis tradicionais, en madeira ou incluso cartón, aos "súper modernos", como os de Street Luge, que "van acostados e frean cos pés".

Aquí non hai nin motor nin nada e ter un vehículo espectacular comprado non implica gañar, indica Gonzalo

Aínda que a base sempre é a mesma: "Aquí non hai nin motor nin nada e ter un vehículo espectacular comprado non implica gañar", indica Gonzalo, que recorda que nalgunha ocasión o máis enxebre é o queda primeiro. Para todos os participantes, o único combustible permitido é o impulso da costa.

E cales son os requisitos para lanzarse pola Corda abaixo? "Apuntarse, ter seguro e ganas. Para competir, cumprir a nomativa que marca a federación, e en exhibición, ser creativo, divertido", resume o presidente dun colectivo que contou con equipo propio. "Deixamos a competición por falta de tempo, pero percorrimos España e no ano 2006 quedamos sétimos", apunta entre risas e con algo de orgullo "kamikaze".

"Co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia buscamos atraer máis xente, sobre todo público, e conseguir máis promoción e acceso ás axudas", explica o responsable da entidade, que recoñece que organizar un evento como este sería "inviable sen o apoio incondicional do Concellode Abadín e sen o traballo de todos voluntarios", que superan as catro decenas.

"Aquí ninguén cobra nada e algún pide vacacións para preparar todo", asegura, ao tempo que fala dos preparativos, que xa comenzaron onte, e nombra aos que o acompañan na directiva: Isaac Gómez, Miguel Braña, Roberto González, Álvaro Balsa, Róber Gómez ou Jesús Goás.

Sustos sempre hai, xa houbo os suficientes, pero nada moi grave. Non é un circuíto técnico, non ten moitas curvas e só hai dous puntos de freada polo que se alcanza moita velocidade

"É un circuíto moi longo e temos que colocar todas as proteccións –inclúense seis camións de rodas que, calcula, superan as 4.000, vallas de auga e metálicas–, facer limpezas e sinalizar as zonas para o público", explica. Porque a seguridade é a maior responsabilidade.

"Sustos sempre hai, xa houbo os suficientes, pero nada moi grave. Non é un circuíto técnico, non ten moitas curvas e só hai dous puntos de freada polo que se alcanza moita velocidade", di Gonzalo, que asegura que a organización permítese respirar "cando pasan as carrilanas pesadas". "Son 200 quilos máis piloto. É moito peso", di. "Tranquilos de todo quedamos cando se acaba, todo está correcto e todo o mundo enteiro", engade entre risas.

Pese a non ter ningún tipo de axuda, os disparatados bólidos poden chegar a superar os 100 quilómetros por hora. "O récord do circuíto están en dous minutos e 47 segundos", indica Gonzalo, e fala do futuro.

"Queremos manternos dentro da competición, estar un par de anos máis no Galego e volver ao Nacional. En 2015 a proba que decidiu o campión de España foi aquí. Pero é moito traballo, tampouco podes queimar á organización e deixámolo un tempo", precisa. Naquelas probas xuntaban máis de 90 carrilas. "Iso é moito. Agora, no Galego, con 40, e coa experiencia que temos,movémolas como queremos", asegura.

Durante estes anos pasaron por Abadín amantes da velocidade chegados de distintos puntos de toda España e Portugal. Algúns convertéronse en clásicos, como Leopoldo e Sixto, ambos de Valdoviño, que aos seus 72 e 76 anos seguen a desfrutar das carrilanas máis tradicionais, e moitos veciños do municipio animáronse a probar sorte. Na competición deste domingo, a decimosétima, haberá dous locales: Miguel Paz, de 13 anos, que competirá en Dirk Trike –unha especie de triciclo de derrape– e Gemelo Sport. Que a sorte os acompañe!

Abadín, a aposta do Grand Prix enxebre
Comentarios