O Recuncho de Suso López

A 'Aceira de Arriba' de Meira: unha beirarrúa con alma propia

A carón do Paseo Central atópase un dos núcleos con máis vida da vila, que destaca pola súa boa conservación
A 'Aceira de Arriba' de Meira. C.F.R.
photo_camera A 'Aceira de Arriba' de Meira. C.F.R.

Localización

A Aceira de Arriba non aparece nos mapas, pero é sinxelo chegar alí. A beirarrúa atópase a carón do Paseo Central, ata o que se pode chegar collendo a LU-120 dende Vilalba ata cambiar logo á N-640 e adentrarse en Meira seguindo todo recto.

Mosteiro de Santa María

Ao final da beirarrúa, duns 300 metros de lonxitude, pode observarse a igrexa de Santa María, unha edificación medieval fundada no século XII e declarada Ben de Interese Cultural (BIC), xa que se conservan tanto o templo como parte das construcións monásticas.

Melloras

Nos últimos anos, o Concello de Meira realizou melloras na accesibilidade da Praza Maior, onde se atopa este recuncho, no que tamén se rehabilitaron a pedra e os bancos do paseo, ademais de renovar a iluminación.

G
A igrexa do mosteiro de Santa María de Meira. C.F.R.

Ao pensar nun recuncho especial da súa terra, o produtor e escritor meirego Suso López decidiu escoller o que para el é "a alma e o corazón" de Meira: a Aceira de Arriba. Trátase da beirarrúa máis alta que se sitúa en fronte ao Paseo Central, un dos lugares máis transitados polos veciños pola súa posición estratéxica e pola concentración de negocios que hai en ámbalas dúas beirarrúas. Sen desprestixiar á de abaixo, o produtor quédase coa de arriba porque "é a zona que está mellor conservada a nivel urbanístico dentro da vila, e quédome con ela polo mantemento e pola beleza que ofrece". 

Alí, ademais, concéntranse diversos negocios de toda a vida, como bares, panaderías, un supermercado, unha tenda de complementos, unha zapatería e unha librería, entre outras tendas. "Mantén o bulicio, e iso, moitas veces, agradécese", afirma o meirego, que di que sempre que pasa por alí e ve os edificios que compoñen a Aceira de Arriba pensa: "Oxalá toda a vila collese o seu exemplo". Mentres tanto, el desfruta de dar un paseo por aí e saudar veciños e visitantes, que, sobre todo agora coa chegada da primavera, aproveitan para alternar e dar unha volta polo Paseo Central, na Praza Maior, coas súas correspondentes beirarrúas: a de arriba e a de abaixo.

Tal e como explica López, o seu recuncho —que certamente pouco ten de recuncho máis aló do nome do bar que fai esquina co mosteiro de Santa María, e que se pode ver ao final da rúa do paseo— é "o núcleo da vila, e por iso me gusta tanto". Alí hai edificios dun máximo de tres plantas, e moitos deles con máis de 100 anos de historia. "Cando pasas daste conta de que é unha das rúas nas que pode visualizarse a simple vista o seu pasado". E, aínda que moitas delas están deshabitadas, Suso López non perde a esperanza de que algún día recuperen a súa actividade. Iso si, mantendo en bo estado das súas fachadas. 

O produtor e escritor admite que a súa terra conta con decenas de lugares dignos de visitar e de perderse por eles. Porén, para os meiregos coma el, a Aceira de Arriba, que é unha nomenclatura coloquial coñecida só polos veciños, é a clara mostra de que "no rural segue a haber vida".

Comentarios