Os 40 do IES Pedregal de Irimia de Meira

O centro educativo organizou unha xuntanza de confraternidade para conmemorar as súas catro décadas de existencia
Celebración dos 40 anos do IES Pedregal de Irimia. CPR
photo_camera Celebración dos 40 anos do IES Pedregal de Irimia. CPR

Un cantos mendas lerendas de distintas xeracións, case 400 para ser exactos, déronse cita o pasado venres 26 de maio no pavillón municipal de Meira para festexar o cuadraxésimo aniversario do IES Pedregal de Irimia.

O himno de Miguel Ríos Bienvenidos, coetáno do instituto, non podía faltar nunha conmemoración á que asistiron as diversas xeracións dos municipios de Meira, Pol, A Pastoriza, Ribeira de Piquín, Riotorto, Castro de Rei, ou A Pontenova que pasaron polas súas aulas nestas catro décadas.

"Había atascos nos corredores para ver as fotos, chegou a formarse un tapón", explicaba unha das moitas exalumnas que participou na visita previa ao centro, onde moitos xogaron a recoñecer e recoñecérense nas fotos, ou a atopar as diferencias, coma os desaparecidos bancos do primeiro piso. E por suposto, soou o timbre para marcar o paso á cea.

"Facíanos moita ilusión ver o instituto despois de tanto tempo", aseguraban algúns dos que pasaron polas aulas dende aquel 18 de outubro de 1982, no que non só se facía famoso Naranjito, senón que tamén botaba a andar o instituto de Meira —posteriormente IES Pedregal de Irimia— con 75 alumnos.

Mario Outeiro, director do instituto. CPR
Mario Outeiro, director do instituto. CPR

Algúns deles, igual ca profesores ou integrantes da comunidade educativa, non só acudiron para degustar o menú preparado por Casa Cazoleiro, senón que tamén se prestaron a subir ao escenario para dar o mellor de si e repasar catro décadas de historia educativa, musical e social. Como se diría nos 90: Que nivel, Maribel!

Se Ramón se metía na pel de Miguel no mítico Rock & Ríos, houbo quen se atreveu a resucitar a Cobain para que soase a dúas voces Smells Like Teen Spirit, himno dos 90 que Nirvana lanzaba pola época na que o instituto meirego rozaba os dez anos. A chegada do século XXI animaba a bailar, e non só ás morenas, co pegadizo tema de Zucchero na voz de Maya. E quen non ten coreado o Ai se eu te pego que Michel Teló popularizou cando o IES estaba a piques de cumprir os 30?

A viaxe temporal na que participaron 25 músicos, capitaneada polo Señor T. —o profesor de música Óscar Trigo—, non só percorreu o mundo, senón que, tamén profundizou nas raíces para seleccionar catro pezas de aquí. Obvio!  Soaron Milladoiro, co Canto de arrieiro da Fonsagrada e A bruxa; Berrogüeto, coa Jota da gheada; a Muiñeira de Baiuca; e Chao-Curuxeiras, peza do repertorio do patriarca Seivane recuperada pola súa neta Susana Seivane, á que se lle dedicará a aula de música do instituto meirego antes de que remate o presente curso.

Un momento da celebración. CPR
Un momento da celebración. CPR

O broche de ouro púxoo De Vacas, facendo o mesmo que fixeron no instituto, coller pezas ben coñecidas daló e dacolá e facelas daquí. Mais antes, entre peza e peza e entre conversa e conversa, entre comprobar como trataron os anos ao crush do pasado ou darlle un follow a un vello amigo, non faltou unha boa dose de humor, grazas a unha serie de sketch humorísticos alusivos aos típicos e tópicos de cada década. 

Un momento da celebración. CPR
Un momento da celebración. CPR

E houbo un momento para porse serios, no discurso do actual director, Mario Outeiro, que agradeceu a todo o equipo humano previo o traballo realizado e ao actual a implicación para sacar o acto adiante, igual que aos repectivos concellos, á Xunta —representada pola xefa de Coordinación Cultural, Ana Mel—, e á Deputación.

Tamén repasou os cambios experimentados no ao longo destes 40 anos ou o lanzamento da revista escolar Latexos, con cuxo número 30 se conmemora o cuadraxésimo aniversario do instituto. E non faltou o desexo de encontrárense todos "dentro de dez anos para poder celebrar o medio século por todo o alto. Viva o IES Pedregal de Irimia!". 

Chegados a este punto, pouco máis se pode dicir que, volvendo aos 80, onde todo comezaba, un acaído: Me piro, vampiro!.

Comentarios