Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

David Corral: "Quen acode á presentación merece saír cun libro na man"

David Corral, en Xoibán. EP
David Corral, en Xoibán. EP

Este mestre begontés "xubilado pero non retirado", impulsado polo afán de descubrir "pequenas ou grandes historias agochadas", vén de presentar un libro sobre a parroquia vilalbesa de Xoibán, logo dos que lle dedicou a Trobo, onde naceu, e á veciña Gaibor, da que tamén escribiu sobre os sindicatos agrarios.

Nacido e criado en Trobo (Begonte) e afincado en Ferrol, David Corral estivo no seminario de Mondoñedo e estudou Maxisterio, que completou con Pedagoxía e Psicoloxía. Exerceu a docencia en varios colexios e é membro do grupo de renovación pedagóxica Avantar, responsable da serie O Noso Galego (máis tarde Canles), os primeiros libros para o ensino da Lingua Galega en EXB.

Dedícalle un libro á parroquia de Xoibán, por que a escolleu?
Despois de escribir Trobo, terra e xente, lugar do meu berce e das miñas máis fondas vivencias, ocupeime de Gaibor, onde están a metade das miñas raíces. Despois, por proximidade e querenza, está Xoibán, parroquia sempre unida a Trobo, cun mesmo arquivo parroquial que xa me resultaba coñecido e por ter boa relación cos seus veciños. Ademais, tiña interese en dar a coñecer un feito histórico que se deu en Xoibán a comezos do século XVI, o conflito por competencia de xurisdición entre a Audiencia de Galicia e o conde de Vilalba, don Fernando de Andrade.


"Hai que ir cos ollos moi abertos e os oídos moi atentos para escoitar a xente de vagar, gardan arquivos na memoria"


Que destacaría desta obra?
A confirmación da existencia dunha antiga freguesía, xa desaparecida, limítrofe con Xoibán, no territorio aproximado do que logo se denominou Couto do Mato (Pino), no Antigo Réxime. Outra hipótese case confirmada sería que Caldaloba, denominada nos seus comezos castelo de Vilaxoán, recibise ese nome por proximidade á parroquia de Vilaxoán, así denominada a freguesía de Xoibán nos séculos XII – XV. O castelo data ao parecer do XIV. Como divulgación, o xa citado conflito histórico que tivo como escenario as terras de Xoibán e que os veciños de hoxe tiñan que coñecer, porque circulaba unha lenda relacionada.

É a terceira parroquia sobre a que escribe, que o levou a comezar?
Coñecer o noso pasado contribúe a comprender mellor a nosa identidade como pobo e as raíces en que se sustenta. A miña intención é sacar á luz a pequena ou grande historia que está oculta en cada pobo ou comunidade, e non só a historia do pasado senón a das xentes do rural: costumes, tradicións, xeito de vivir os acontecementos sociais e de enfrontar os problemas da comunidade, solidariedade, parcería ou troco en traballos do campo... o que fai das mulleres e homes do rural persoas sabias e expertas no seu ambiente. Toda esta vida e experiencia está en perigo de perderse dado o abandono que vén sufrindo o campo. Non sabemos cal vai ser o futuro, non se trata de volver á agricultura tradicional que orixinou esta forma de vivir, e por iso quero reflectila nestes escritos e de paso darlle o meu recoñecemento ás xentes que viviron así, das que me sinto partícipe.

Como o recibiron os seus veciños?
Presentar un libro na aldea é un acontecemento nada común, extraordinario, novo, co aliciente de que fala das súas cousas, do seu vivir e dalgunha maneira son protagonistas ocultos dunha vida comunitaria, herdeiros do pasado, con certa fachenda de que a súa historia saia á luz.

De Gaibor tamén lle dedicou unha obra aos sindicatos agrícolas, cal foi a razón desa concreción?
Pois resaltar a importancia que desenvolveron naquela época os sindicatos agrícolas de signo católico na etapa de 1918 a 1942, a pesar da pouca práctica de asociacionismo que había no rural. Coñecía este sindicato porque un tío meu, Xesús de Palacio, foi un dos impulsores deste movemento e dirixente activo como secretario. Tiven facilidade para dispoñer do arquivo e consultalo. Este labor non debía quedar no esquecemento e por iso tratei de divulgalo.

Que traballo de campo esixe a elaboración destes libros?
Hai que ir cos ollos moi abertos e os oídos moi atentos para escoitar a xente de vagar, xa que gardan arquivos na memoria e describen vivencias e acontecementos enriquecidos pola imaxinación, recorrer varias veces os camiños para poder describir coa máxima exactitude o terreo, o ambiente e a vida que se respira en cada localidade; moitas horas de arquivo para encontrar documentos e descifralos e logo horas de ordenador, todo  con gusto e satisfacción persoal.

Levou sorpresas na investigación?
Si, cando comecei pensaba que a historia dun pobo non daría para moitas páxinas, pero van aparecendo cousas e unhas lévan a outras e vas atopando novas que ti non esperabas. Hai temas que esixen unha explicación para comprendelas mellor e encaixalas no tempo, deste modo fixen moito fincapé nas características da parroquia rural galega, aplicable a calquera. Igual pasa coa formación das parroquias que se configuraron no século XIII, pero había que falar dos comezos da cristianización a partir do século IV, como foi chegando a evanxelización e foron aparecendo nos núcleos de poboación pequenas igrexas ou oratorios privados ata constituírense en parroquia. E logo a colaboración dos fieis cos froitos decimais e as primicias para o sostemento do templo e do crego que a servía, non exento todo isto de abusos e desviacións do fin principal. Nese sentido sempre se atopa un con sorpresas.

Que lle gustaría que perdurase destas obras?
Este é un traballo que debe ter continuidade no afondamento do exposto e na ampliación do estudo que abranguería temas e aspectos non tratados. O caso é que non quede no esquecemento e se perda a riqueza cultural e social que desenvolveron as comunidades rurais da nosa terra. Os cambios no rural nas últimas décadas abren un novo futuro tanto no aspecto social coma no económico que obrigará a unha visión diferente da que ata agora tiñamos. Estamos nun período de transición.

Non puxo á venda os libros, senón que os agasallou, cal é a razón?
Unha persoa que acode á presentación dun libro na súa parroquia merece saír cun exemplar na man. O obxectivo é que haxa un en cada casa que axude a ter novos coñecementos e a que medre a propia autoestima. A tiraxe é reducida, porque fóra do escenario propio non suscitaría moito interese e para poñelo nas librerías e vender unha ducia de libros non paga a pena estar pendente de declarar beneficios dunha actividade que fago con gusto e como tal dispoño tamén a gusto. Outra cousa sería se a obra fose patrocinada. De todas formas procuro que estea a disposición para préstamo e consulta nas bibliotecas, Arquivo Provincial, Universidade, Museos e nalgunha asociación.

Ten algún máis en proxecto?
De momento non hai ningún proxecto concreto, pero gustaríame seguir neste camiño. Tamén me gustaría un libriño de pequenos relatos sobre figuras senlleiras do rural do que xa hai tres rematados, pero nada por agora.

"Trobo é o mundo e Terra  Chá, o universo"
Trobo é...
Trobo é o mundo e Terra Chá, o universo.

Un recuncho no mundo?
A Fonte de Nosa Señora.

Unha viaxe ideal?
Ao monte Pindo.

Un libro que recomendaría?
El Bosque Animado, despois de El Quijote.

Un autor de lectura obrigada?
Álvaro Cunqueiro.

Recomenda ler os libros das parroquias pouco a pouco, por que?
Estes libros non son unha novela para ler de principio a fin, senón que o máis axeitado é escoller os capítulos que máis interesen ou partes deles, para iso hai ao comezo un amplo índice de cuestións que poden orientar ou ser suxerentes.

Cal é o comentario ou crítica que máis presente ten dos que lle fixeron polos seus libros?
A expresión máis xeneralizada é que son libros fáciles de ler, que se len con gusto. Pero de persoas especializadas na crítica literaria resumo dúas. "É unha obra prodixiosa (Trobo, terra e xente) labrada con rigor e beleza. O autor reborda agarimo polo seu terrón. Este volume é unha regalía" e "Veo que realizas una historia de la parroquia (Gaibor) que evoca a la forma que nuestros predecesores del Seminario de Estudos Galegos recomendaban: un estudio sistemático de una parroquia en el que se recogen no sólo los aspectos históricos, sino los geográficos, etnográficos y culturales, desde la Antigüedad hasta nuestros días". Unha crítica que intentaba ser negativa dicindo que "o que se di desta parroquia pódese dicir de calquera outra", convértese en positiva noutro comentario: "O seu libro é como unha ‘plantilla’, o itinerario axeitado para afondar en cada un dos nosos lugares".

Recomenda ler os libros das parroquias pouco a pouco, por que?
Estes libros non son unha novela para ler de principio a fin, senón que o máis axeitado é escoller capítulos que máis interesen ou partes del, para iso hai ao comezo un amplo índice de cuestións que poden orientar ou ser suxerentes,

David Corral: "Quen acode á presentación merece saír cun libro na man"
Comentarios