O San Ramón máis estraño: Vilalba vive un 31 de agosto sen bulicio

A pandemia deixou as rúas sen animación, aínda que un vídeo dunha festa nun bar causou indignación nas redes

O día amenceu sendo especial para Vilalba, todos os 31 de agosto o son, pero onte non houbo bombas que o anunciasen, nin fogos que iluminasen o día grande da capital chairega. Nin música, nin luces, nin sequera vestidos de galegas e de galegos na Praza da Constitución. Este luns estaba baleira e o silencio era quen dominaba as rúas.

Si houbo a misa de San Ramón, en Santa María -este martes volveu ser ás 12.00 horas-, pero moi lonxe do habitual cheo da igrexa. Este luns os fieis congregados rondaban o medio cento salpicados por todo o templo, ataviados con máscaras e previo lavado de mans con xel, as novas normas para un acto de sempre no que o párroco Juan Pablo Alonso apelou a "no excusarnos en la pandemia para dejar de ejercer la caridad".

A actividade eclesiástica non cesou, pero si o fixo a maior parte dos negocios, pechados como festivo que é, aínda que a festa brillaba pola súa ausencia. Só se deixou entrever nalgúns fogares vilalbeses, nos que habería un menú especial e noutras cantariase iso de "San Ramón, San Ramón/ San Ramón te quiero". Probablemente, o único rastro dunhas festas ás que lles toca agardar.

En panadarías e pastelarías a facturación mantívose lonxe de anos anteriores. "Un 60% menos do que faciamos", cifra José Gayoso dende A Nova, que salva a que sería a mellor fin de semana do ano coa boa tendencia do resto do verán, e "un 10% en asados con respecto a outros anos», di Antonio Currás, de A Tahona Currás, quen asegura que a baixada na venda do pan foi importante, mentres que o tirón do roscón de Vilalba se mantivo, aínda que en menor número. «Se non hai roscón na mesa, non é San Ramón", engade.

Carmen Ben, da pastelaría Ben, achaca pola súa parte o descenso de encargos de pasteis á falta de convidados e apunta que o traballo se lle estendeu ao longo da fin de semana, en lugar de concentrarse nos días fortes.

Pero no día máis grande da capital chairega, a máis castigada foi a hostalaría. "Foi peor ca un día malo pola semana", asevera María Debasa, do bar Cristal, un dos que en condicións normais non daría abasto e dende o que, ante a incerteza de como serían estes festexos, decidiron contratar a unha persoa a maiores. "Non acertamos", asegura a propietaria, pois o traballo reduciuse a "nin un 10% do que faciamos", un mal extensible a outros locais.

Malia todo, un vídeo publicado en Instagram causou indignación. Nel vese a varios mozos bailando agolpados no interior dun bar, sen respectar as distancias nin o uso da máscara.

Comentarios