17º aniversario da Chaira

Para comer e beber: 17 imprescindibles na mesa

Polo 17º aniversario, aí van outros tantos produtos da volta que teñen unha sona ben gañada. E máis que poderían ser 
Produtos típicos da Chaira. EP
photo_camera Produtos típicos da Chaira. EP

Se se fai valer o dito de que a xente se conquista polo estómago, Terra Chá ten moitas papeletas para ganarse a propios e estraños. A comarca conta con numerosos produtos imprescindibles na cesta da compra para calquera ocasión que se prece. Queixos, capóns, tortas, patacas... convertéronse nun sinal de identidade que sobrepasa fronteiras.

Así se presentaba alá por novembro do ano 2007, nas páxinas deste daquela noviño suplemento comarcal que andaba polo ano e medio de vida, unha reportaxe titulada Made in Terra Chá.

Dezaseis anos despois e numerosas noticias, reportaxes, entrevistas, fotos e artigos despois, nestas páxinas vólvese repasar algúns dos produtos máis emblemáticos desta particular Chaira de 13 concellos. Xogando co número 17, por aquilo de que é o décimo sétimo aniversario desta edición comarcal semanal que vía a luz un martes 30 de maio de 2006 —e de algo hai que tirar—, convidamos aos lectores a facer a súa propia lista dos seus 17 imprescindibles e a comparala e ver en cantos coinciden cos que a continuación se relatan. E ei vai unha pista, uns cadrarán e outros non, e abofé que calquera que se poida facer estará ben. Por iso engadimos 17 máis que poderían selo, e nin así se dá feito. Entre premios, distincións, IXP, DOP e o boca a boca, sobran propostas.

Non é froito da casualidade que alá polo ano 2010, no marco da iniciativa Lugo Sabe, a Deputación Provincial de Lugo escollese cinco produtos chairegos —torta de millo de Guitiriz, queixos de Abadín e de San Simón da Costa, chourizos de Vilalba e grelos— para as cestas desta proposta. Estes non só formaban parte das distintas combinacións propostas, senón que ata se deseñaba un lote propio, o da Terra Chá, con grelos, queixos e chourizos. 

Esté é só un exemplo da pegada que ten ese made in Terra Chá que foi un paso máis alá ao xeneralizarse o uso desa porta aberta ao mundo que é internet, unha venda online que para moitos se tornaría clave nos difíciles tempos da pandemia do coronavirus.

Escribía a mesma que escribe estas liñas naquela reportaxe que se alguén quixese confeccionar unha cesta —agora están moito de moda como agasallo para calquera acontecemento, pero daquela, falábase das clásicas de Nadal— só con produtos chairegos, non o tería difícil.

Tampouco o teñen especialmente complicado os profesionais do sector da hostalaría para elaborar saborosas e orixinais cartas que conten con produtos da zona. E poida que non haxa Estrellas Michelin recoñecendo esas propostas, mais... en que outro lugar do mundo se podería facer famoso un menú con sete pratos

E esa podería ser outra das claves. Tan importantes son os produtos que saen da terra ou se crean nesta terra, como quen conta coa arte necesaria para preparalos e servilos. Cada persoa terá a súa particular musa na cociña, o avó Pepe, a tía Herminia, a señora Manola, o cuñado Suso... 

Chámese como se chame o referente, son moitos os que en lareiras e fogóns souberon dar coa medida xusta de un pouco disto e un tanto daquilo de cada ingrediente para preparar uns callos sen rival, un caldo que sabe a gloria, un churrasco que nin do outro lado do Atlántico ou unhas filloas —ou freixós— sen parangón.

E así, houbo quen converteu esa afección nun oficio. Non é casualidade que por estes lares haxa xa varios nomes propios recoñecidos cun simbólico galardón: Toda unha vida nos fogóns. Casas de comidas de sempre que foron evolucionando, cambiando de xeración e adaptándose ata chegar ao día de hoxe de plena actualidade, restaurantes vangardistas que combinan sabores de sempre coma nunca, parrilladas cuxa grella fai horas extra... Que é o que non hai na Chaira?

Seleccionamos 17 —seguindo o mesmo fío argumental do aniversario— deses establecementos de hostalaría nun exercicio imposible de escolla, porque poderían ser o dobre, o triple, e sempre haberá quen diga: "E logo como é que non está...?".  

Así de variada é a oferta de restauración da que poden gozar a diario os preto de 53.000 veciños dos nove municipios da Terra Chá —Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade—, de tres da comarca meirega —Meira, Pol e Ribeira de Piquín— e do concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, aos que se unen non poucas persoas chegadas doutros  lares: as que son quen de percorrer centos de quilómetros para degustar un bo cocido ou un prato de polbo á feira, as que saborean a cociña chairega coa escusa das vacacións, de calquera celebración, dun festexo ou dun patrón, os milleiros de peregrinos que percorren o Camiño Norte...  

E non só se pode gozar de suculentos pratos que se nutren dos produtos da rodeada sentados darredor dunha mesa, pois non debe un esquecerse da tradición de ir de tapas, un costume máis que asentado na volta. Tanto, que son numerosos os concursos, xornadas ou roteiros postos en marcha nos últimos anos. 

Os do queixo de San Simón en Vilalba —seguido doutras prospostas tamén no municipio— e de Muimenta foron os pioneiros, mais tras eles foron chegando o Saborea As Pontes, o Que Bo Estás Guitiriz!, o da Pastoriza, o de Begonte ou as diversas iniciativas de Meira, de Castro de Rei, de Cospeito ou de Muras. 

De todos eles se foi dando conta en moitas páxinas desta Chaira ao longo dos últimos 17 anos, igual que de foodtrucks, showcookings ou degustacións protagonistas nesas citas gastronómicas ou neses eventos para promocionar algún produto emblemático. Hainas totalmente asentadas, que contan xa as edicións en décadas, hainas que acaban de chegar co propósito de quedar, e hainas que volven logo de desaparecer. Mesmo as hai que gozaron do seu momento e agora xa forman parte das lembranzas daqueles que tiveron o tino de saber aproveitalas.

Esas persoas que agora poderán dicir: "Eu estiven aí". Na Chaira. Na dos sabores distintivos e os aromas con reminiscencias de historia, infancia e familia. Na das lonxevas feiras de cogomelos e de grelos, na que catar colectivamente as castañas nun magosto é case unha relixión. Na que se fixo da filloa un interese turístico. Dende a que viaxou ata as antípodas aquel queixo de forma cónica para o que case houbo que volver deseñar os moldes. Na que se cría con esmero un pito que preside as mesas máis selectas. Na que hai pan e empanadas de calidade, pero tamén se lle dá unha oportunidade ao veciño, coma o clásico de Ousá, que ten o seu recunchiño de éxito no polígono de Castro. Na que a presenza do mar vai moito máis alá das visitas esporádicas das gaivotas. Na que ata hai quen fai o seu propio viño. 

Unha Chaira na que se pode elaborar sen esforzo un menú completo e variado para cada día da semana. E é que, para comer e beber... 

Comentarios