martes. 04.08.2020 |
El tiempo
martes. 04.08.2020
El tiempo

A constancia de Eva Sanmartín traduciuse na mellor nota da Abau en toda Galicia

Eva Sanmartín.
Eva Sanmartín.
A vilalbesa, formada no IES Basanta Silva, pensa estudar o Grao de Bioquímica no campus de Lugo

9,96 sobre 10. Esa é a nota final, computando a media de BAC e da Abau (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade), que converte á moza vilalbesa Eva Sanmartín Vázquez no mellor expediente da provincia de Lugo e de toda Galicia, nun cadro de honra no que tamén figuran Raúl Ríos Pampín, do IES Nº 1 de Ordes (9,92), Diego Sánchez Pinzón, do CPR Rosalía de Castro de Vigo (9,768), e Sofía Salgado Pontón, do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense (9,91).

A súa excelencia académica ofrécelle a oportunidade de optar a calquera titulación superior en calquera facultade que se lle poida pasar pola cabeza. Goza da tranquilidade que dá o traballo ben feito e o saber que pode escoller con liberdade. Mais curiosamente, quizais nin teña que aproveitar a súa excelencia académica, pois a súa primeira opción aínda non ten unha nota de corte prefixada.

Logo de moitas dúbidas, pensa no Grao en Bioquímica, que vén de incorporarse á oferta lectiva do Campus de Lugo da USC. Mais por se acaso, conta cun 13,96 como nota final de admisión, ao obter tamén a máxima puntuación nas probas voluntarias para acceder á formación elixida.

"Haina en Lugo e sería a miña primeira opción, estando aquí, para que ir máis lonxe?", reflexiona Eva, que ten ata o día 28 para facer a preinscrición e, unha vez resolta a adxudicación de prazas, formalizaría a matrícula en agosto. Porá así en práctica a idea que xa tiña clara, estudar unha carreira da súa rama predilecta, as ciencias -bioloxía, química e matemáticas eran as súas materias favoritas-, para logo, se é posible, dirixir os seus pasos profesionais cara a investigación.

"Hai que traballar desde o primeiro día e prestar atención nas clases, porque con iso xa adiantas moito a comprensión dos contidos"

Eva comezará así un novo capítulo académico que sempre tivo en mente, logo de pórlle un broche de ouro á súa etapa no IES Basanta Silva de Vilalba, co mérito engadido de facelo nunhas circunstancias totalmente atípicas, cun último curso e unha selectividades marcados por unha pandemia mundial, pola suspensión das clases e polo confinamento.

Complicada e difícil son as palabras que usa Eva para definir esta nova forma de ensinanza por vía telemática. "Tivemos que adaptarnos, foi novo para todos, tanto alumnos como profesores", di, e resume as claves para lograr sacar adiante o curso con éxito: "É importante ser constante no día a día, ir traballando ao longo do curso os contidos e non deixar as cousas para o último día".

Unha filosofía aplicable con virus e sen el, que Eva lle recomenda a quen queira obter bos resultados académicos. "Hai que traballar desde o primeiro día e prestar atención nas clases, porque con iso xa adiantas moito a comprensión dos contidos", precisa.

E se a constancia e a organización son as claves para superar un curso, para afrontar un exame a cara ou cruz, o seu principal consello é "non poñerse nervioso, porque os nervios pódente paralizar". A técnica de Eva para afrontalos foi facer exercicios de anos anteriores, para acostumarse ao tipo de probas que ía atopar. E a iso engádelle a confianza nos propios coñecementos e o non deixarse levar polas dúbidas dos compañeiros.

Os orgullosos pais de Eva son profesores e se houbo unha lección que quixeron transmitirlle á súa filla, coma ela recoñece, foi a de "tranquilidade". "Dicíanme que non me presionase moito para obter boas notas", precisa, ao tempo que destacan que Eva "sempre foi o suficientemente responsable como para poñerse coas súas tarefas e organizarse perfectamente". Acredítano a reiteración de boas notas e os recoñecementos previos, coma o Big Challenge de inglés ou o Premio Extraordinario da Eso. É o éxito da constancia.

A constancia de Eva Sanmartín traduciuse na mellor nota da Abau en...
Comentarios