11 de maio: un día para o recordo en Guitiriz

Iberik reabre as históricas instalacións do hotel balneario, pechadas dende hai seis anos, logo dun investimento de 8,5 millóns
Edificio da fonte de San Xoán. C.PÉREZ
photo_camera Edificio da fonte de San Xoán. C.PÉREZ

Dise que non hai dúas sen tres. Tamén que á terceira vai a vencida. E ambos ditos poden e queren aplicarse ao histórico balneario de Guitiriz. A xornada deste xoves 11 de maio está chamada a ser un día grande na localidade, un deses para recordar. Ás 8.00 horas reabre o que foi un complexo turístico e termal referente en Europa, o Karlsbad galego, e faino aspirando a volver selo da man da cadea hoteleira Iberik, que inviste 8,5 millóns na súa rehabilitación integral

É a súa terceira oportunidade, unha nova vida logo de dúas dispares etapas previas de cheas de éxitos, que se iniciaban a comezos do século XX e en 2003, e que tiveron tamén os seus respectivos ocasos nos 70 e en 2017. 

Piscina do balneario. C.PÉREZ
Piscina do balneario. C.PÉREZ

O Iberik Gran Balneario de Guitiriz & Golf, de catro estrelas e no que traballarán unhas 50 persoas, bebe dese esplendoroso pasado, da esencia que acompaña o lugar dende que o doutor José Lazcano recomendaba dende Compostela o uso das súas augas a finais do XVIII, cando se sabía duns mananciais que abrollaban da terra. 

Pasaron máis de 200 anos e agora será outro doutor, Antonio Freire, experto en hidroloxía médica e hidroterapia e director médico de Iberik, quen se encargue de coordinar as múltiples posibilidades do balneario, unha moderna instalación de 3.600 metros cadrados, engadida como principal novidade do complexo cando volvía funcionar hai 20 anos. 

Instalacións do balneario. C.PÉREZ
Instalacións do balneario. C.PÉREZ

Conta con despacho médico, ximnasio, unha trintena de cabinas, circuíto termaqua, unha piscina infantil..., ademais da lámina de auga principal, que ofrece vistas ao bosque, e na que quen a coñecese previamente detectará importantes cambios. Nesta reforma apostouse por crear un espazo máis activo no seus 241 metros cadrados. A zona termal estará aberta ao público en xeral xa dende este xoves, e o seu uso pódese reservar conxuntamente co hotel e tamén individualmente, sen ser hóspede deste. 

Un pouco máis haberá que agardar para gozar da outra grande incorporación da segunda etapa de actividade do complexo, o campo de golf de nove furados. xa que non se prevé que reabra ata dentro dun par de meses, se ben a idea é que estea operativo no verán.

De case 10.000 metros cadrados de superficie total dispón o edificio principal, o centenario hotel, que abría por primeira vez as súas portas hai máis dun século cun cento de habitacións. Na posguerra pasaría a ter 300, ata que nunha nova reforma nos 60 se volveu primar a calidade sobre a cantidade. E son 103 as habitacións que oferta agora, xunto con cafetería e restaurante, varias salas de eventos ou unha zona de xogos para os máis pequenos.

Hotel, balneario e campo de golf enmárcanse nun gran recinto de 46.000 metros cadrados, onde se están a acondicionar zonas de aparcamento, pistas de pádel, zonas verdes e paseos polo bosque, no que os camiñantes poida que se sorprendan ao atoparse coa recén pintada mesquita, erguida polos combatentes musulmáns durante a Guerra Civil Española, época na que o balneario deixou de recibir hóspedes para atender feridos. 

Mesquita do balneario de Guitiriz. C.PÉREZ
Mesquita do balneario de Guitiriz. C.PÉREZ

E por suposto, tamén se rehabilitou o histórico edificio do balneario —chama a atención o vermello dos remates, escollido seguindo os designios de Patrimonio— no que están a capela, un despacho e a Fonte de San Xoán, tamén coñecida como Fonte do Santo, ese manancial que é a orixe de todo e cuxas augas foron declaradas de utilidade pública por unha Real Orde o 30 de maio de 1902

Son incontables os auguistas que xa dende moito antes dese transcendental momento e tamén despois acudían atraídos polas propiedades mineromedicinais dun balneario que no XX se especializaba en atender enfermidades do fígado ou do estómago, cólicos biliares, bronquites, reuma...

Un dos pasillos do hotel. C.PÉREZ
Un dos corredores do hotel. C.PÉREZ

Certo é que pouco ou nada ten que ver o termalismo actual, onde priman o relax e o benestar por riba das propiedades curativas, co que se difundía naquel folleto anónimo que chegaba ao mordomo da casa de Camarasa no primeiro terzo do XIX ou co que lograba mobilizar un milleiro de usuarios anuais a comezos do XX. Mais se algo teñen en común todas as etapas é que o balneario de Guitiriz sempre foi un referente e agora, da man da súa directora, Ana Lago, e de Iberik, aspira a volver selo.

Un pouco de historia: Uso público e dereito de explotación
Pedro Gasalla, da firma Gasalla y Cía, tramitaba a finais do XIX a declaración de utilidade pública para tres mananciais de aguas sulfurosas-fluorado-sódica frías, logo de que o químico José Casares as analizase e as clasificase en 1895. Quería construír un balneario e logrou que o daquela Concello de Trasparga lle cedese o dereito a explotar as augas, pero cunha condición que perdura, que os veciños sempre tivesen acceso libre e gratuíto á fonte. Ademais, a Dirección Xeral de Sanidade concedía un perímetro de expropiación duns 140.000 metros cadrados para construír o balneario e as súas dependencias.

Primeira etapa
O éxito da oferta levou a ampliar a tempada oficial do 10 de xuño ao 15 de outubro (antes era do 1 de xullo ao 30 de setembro) e, malia ao parón pola guerra o auxe mantívose ata que o termalismo experimentou un declive xeneralizado que abocou o complexo ao seu primeiro peche, se ben a fonte seguiu a recibir cada verán centos de auguistas.

Segunda etapa
Balmimesa compraba o complexo en 1985 e, houbo que esperar 18 anos, pero finalmente reabría adaptado aos tempos. Foi ben os primeiros anos, pero unha sucesión de problemas, con concurso de acredores, folgas e denuncias, levárono ao peche e á súa liquidación.

Subastilla
A firma madrileña Foro de Formación y Ediciones SL facíase co complexo nunha subastilla, co beneplácito do xulgado mercantil lugués, tras ofertar 4,5 millóns. Logo, chegou a un acordo co grupo Oca, cuxos plans de reapertura se viron frustrados pola pandemia.

A arela de Lagoa
En 2021 nacía Iberik, da que forma parte o empresario José Luis Lagoa, que sempre quixo ter unha cadea de hoteis. E nese mesmo ano, Lagoa vía cumprida outra vella arela. Facíase, a través dun grupo empresarial, co 100% balneario de Guitiriz, logo de ratificar a compra do 66,66% que aínda estaba en mans da promotora lucense D'Manán. Contaba para iso co apoio de Luis Otero, socio maioritario, e Juan Carlos Cabanela, minoritario.
Exterior do hotel. C.PÉREZ
Exterior do hotel. C.PÉREZ

Comentarios