Gelucha Rivas: "Marcamos como obxectivo entregar 2.500 euros a Somos Unidos por el Cáncer"

Dende Nete e como afeccionados á música deron o salto a Vilalba para conquistar a todo o concello co seu Festival Benéfico contra o Cancro. A asociación veciñal da parroquia organiza unha gala marcada polas sorpresas para o día 1, a partir das 20.00 horas no auditorio

Gelucha Rivas. S.IGLESIA
photo_camera Gelucha Rivas. S.IGLESIA

Cun sorriso contaxioso e unha conversa interrompida pola multitude de saúdos aos que ten que responder, Gelucha Rivas vai debullando os pormenores do II Festival Benéfico contra o Cancro, que se celebra este sábado a partir das 20.00 horas no auditorio Carmen Estévez. Ela coñece ben o cartel, por ser unha das máis activas nos preparativos a través do seu papel como vogal da asociación de veciños de San Cosme de Nete. 

Que vai haber no auditorio este sábado? 
Vai ser unha gala moi dinámica, con moitas sorpresas que non podemos desvelar polo momento. O que si anunciamos é que imos actuar 61 membros da asociación, os que pertencemos a Mestura de Nete e que recibimos clases de acordeón con Andrés Penabad, de pandeireta e baile tradicional con Antía Maseda, de tamboril con Vane Siso e de gaita con Ángel Sendín, ademais dos de cantos de taberna. Tamén actuará o noso profe, Andrés Penabad.

Recibiron moita colaboración? 
Moita. Os nosos mestres están a axudar desinteresadamente e Elena Ferro, de Eferro, doou un par de zocos para que poidamos sortear na gala. Tamén están colaborando activamente Inma Purriños, a A.C. Andrade ou as dúas integrantes de Petisco Audiovisuales, que se encargarán de facer as fotos. Ademais, sempre conto coa axuda de Marta Dourado, que nesta ocasión se encargou do deseño dos carteis, e de tódolos membros da asociación e persoas que colaboran á parte.

Como se decidiron a organizar este festival?
Foi unha idea que lle xurdiu o ano pasado a Antía Maseda. Comentounos que poderiamos facer unha festa no auditorio e o primeiro que pensamos é que se nos quedaba moi grande. Pero como a xente é moi animosa, comezamos a organizala, primeiro pensando en facer entrada gratuíta e logo, decidimos recadar algo con fins benéficos. 

Este ano irá dirixido a Somos Unidos por el Cáncer.
Si. Foi na exposición que fixeron as irmás Purriños sobre Miriam Vázquez cando coñecín aos seus pais, os que coordinan a entidade. Conmoveume tanto a súa enteireza, todo o traballo que desenvolven... Toda axuda para eles é pouca, así que marcamos como obxectivo entregarlles 2.500 euros, o importe total das entradas —á venta na casa da cultura ou a través da asociación veciñal—. Eu penso que sacaremos máis e todo vai ir para a asociación.

A experiencia do ano pasado animounos a repetir?
A experiencia do primeiro festival foi moi boa. Se mo contan non o crería. E despois do que pasou con Carral, que faleceu catro días antes do festival, saíu todo tan natural e tan emotivo... 

Cal foi o legado que destacaría de Manuel Taboada ‘Carral’?
Foi o presidente da asociación dende que se fundou ata o seu falecemento, durante 22 anos. Era unha persoa moi sociable, con moitos amigos. Para Carral non había nada imposible e creo que non chegariamos tan lonxe nin por tanto tempo se non fora polo seu esforzo. Ao fin, o ánimo que el tiña é o que nos anima a seguir e cando as cousas saen mal, pensamos: "Que faría Carral?". E, se saen ben, pensamos: "Que contento estaría". É un referente.

E como chegou á asociación?
Foi ao comezo, en 1996, e por rebote. Precisamente, chamoume Carral comentándome que estiveran pensando en formar unha asociación e dende daquela...

Continúa.
Pois si. Ás veces pérdese tempo e paciencia, pero tamén é bonito. É unha satisfacción tan grande ver que nesa escola tan pequeniña, na que eu fixen a EXB, xúntase tanta xente tódolos días. Dende os máis pequenos ata os maiores e todos con ‘bo rollo’.

Cantas actividades levan a cabo nesa escola?
Moitísimas, porque se se quere manter a xente no rural hai que darlles actividades. Durante todo o curso temos ximnasia de mantemento, bolillos, pandeireta, baile, acordeón, gaita e cantos. A maiores, hai o obradoiro de memoria do Concello e da Cruz Vermella, o curso de cestería e o de costura. Para o verán teremos o de restauración. E ademais, celebramos o Festival Independente de Nete, o Entroido, o lume novo, excursións...

Tamén vai a esas actividades, con cal se queda?
Uf, iso non mo pidas. (Ri). Pero quizais coa música tradicional.

E que instrumento elixe?
A gaita, por iso merquei unha, para obrigarme a aprender a tocala ben.

Unha canción?
Calquera de Treixadura e se é noutro idioma, ‘I want to break free’, de Queen.

Algunha afección?
Ler, aínda que non teño moito tempo. Antes coleccionaba selos e xogaba ao tenis. E tamén son do Real Madrid, ata estou na peña de Vilalba.

Un libro? E un autor?
La herencia de la tierra, de Andrés Vidal e para autor, Santiago Posteguillo.

Comentarios