Armando Castosa Alvariño: "Eliminamos 2 dos 3 préstamos que tiñamos e deixamos a débeda comercial a cero"

O alcalde de Cospeito polo PP leva dende 1991 ao fronte dun municipio coñecido e recoñecido pola súas lonxevas feiras e por acubillar un dos humidais de maior riqueza do país. A auga é un sinal de identidade físico e tamén político, coa aposta por aproveitar os recursos hídricos a nivel turístico e lúdico e tamén por dotar de traída municipal todas as casas

Armando Castosa. EP
photo_camera Armando Castosa. EP

Armando Castosa leva case 27 anos en posesión do bastón de mando do Concello de Cospeito, un reto que afronta coa ilusión do primeiro día, facendo un balance positivo deste último mandato, pero tendo claro que "un alcalde nunca pode estar satisfeito".

Que balance fai deste mandato?

Creo que está sendo un mandato de estabilidade política e económica, absolutamente positivo e de extraordinario avance para o noso municipio, o que redunda na calidade de vida dos veciños. Trabállase para crear solo industrial e novas infraestruturas e estase facendo un esforzo do mantemento de moitos servizos públicos.

A oposición criticou moito a súa xestión económica pola elevada débeda municipal. Como se atopan as arcas?

A oposición sempre tentou magnificalo, pero hai estabilidade. Houbo un momento no que este Concello tivo que facer un esforzo inversor importante para crear servizos. Solicitamos un préstamo con absoluta responsabilidade, sabendo a capacidade do Concello. Hoxe en día, no tocante á débeda financeira, dos tres préstamos que tiñamos xa eliminamos dous, e en xuño logramos deixar a débeda comercial a cero.

A corporación pasou de 13 a once edís dende as últimas eleccións, ao baixar Cospeito dos 5.000 habitantes, tivo algunha repercusión?

Non tivo, nós perdemos un concelleiro electo, pero é normal que baixe a lista máis votada. Sempre presidín equipos plurales e moi sólidos e o actual non o é menos.

Ve posible subir poboación? Que pode facer o Concello?

Este non é un problema de ámbito nin sequera autonómico, senón nacional e europeo. Son os políticos europeos e estatais, en colaboración con outras administracións, os que teñen que poñer medidas. Dende o ámbito municipal pouco máis se pode facer que o que xa facemos, ter boas comunicacións, crear servizos e establecer as condicións idóneas para vivir nun municipio eminentemente rural. Por exemplo, levamos cinco anos formando xente cos obradoiros de emprego e un tercio do noso orzamento está destinado a servizos sociais. Creo que ese éxodo masivo está cambiando, a xente está sendo consciente da calidade de vida do rural, pero é un proceso lento.

Séntese apoiado por outras administracións?

Son un municipalista convencido e hoxe o municipio depende moitos doutras administracións, hai que petar a moitas portas, aínda que eu sempre me sentín apoiado. Tamén é certo que os proxectos que presentamos son realistas e atractivos, facemos ver que son necesarios e sempre se foron desenvolvendo. Por exemplo, neste mandato rematamos a depuradora de última xeración de Feira do Monte e non se podería levar auga a todas as casas sen axudas.

Castosa: "Sentir o cariño e a confianza da xente é o que máis te enche"

E que queda por facer?

Temos a punto de licitarse un último proxecto de Augas de Galicia para dotar de auga a todo o municipio. É o noso proxecto estrela, no que fixemos un gran esforzo para levar auga a todas as parroquias e hai que rematalo. Tamén estamos inmersos noutro proxecto que nos fai moita ilusión, o polígono industrial de Feira do Monte, cos terreos en fase de expropiación. Temos un acordo con Suplusa para ir urbanizando en función da demanda e xa hai unhas 25 solicitudes de parcelas. A ordenación do territorio é fundamental e esperamos á lei de concentración parcelaria para facer varias aquí, en Bestar, Lamas, Sisoi, Ponte Vilar, Arcillá, Roás e Muimenta. Tamén nos gustaría retomar a de Santa Cristina, que comezou coa de Goá pero se paralizou.

Estes últimos anos tamén apostaron polo turismo e a natureza.

Tentamos recuperar, conservar, manter, embelecer e protexer lugares con riqueza paisaxística e ambiental. Temos a Lagoa e outros humidais, catro ríos e innumerables fontes e hai proxectos feitos, coma a Ruta das Fontes, o Centro de Interpretación ou o Museo das Aves, que lle adxudicamos a unha empresa. Agora hai que ir coséndoos e seguir traballando nesa liña, por exemplo, gustaríanos acercar o Támoga ao pobo, porque está moi preto pero vivimos de costas a el. E debo dicir que para nós o medio ambiente é todo, tamén desbrozar estradas ou ter unha boa recollida do lixo.

Pregunta obrigada, repetirá?

Se a pregunta é se teño ilusión, ganas, ánimo, proxectos... a resposta é si, porque teño moitas ideas na cabeza que me gustaría levar a cabo. Dito esto, acóllome a unha frase de Churchill: "El político se convierte en estadista cuando comienza a pensar en las próximas generaciones y no en las próximas elecciones". Chegado o momento, tomarase a decisión, agora no que estamos é en mellorar servizos e poñer bases sólidas para o futuro do concello.

Cansan a política e a alcaldía?

A política é unha ciencia social que intenta resolver os problemas dunha comunidade colectiva e o seu exercizo é unha das actividades máis nobres que poden existir. E traballar día a día para resolver as necesidades dos teus veciños non pode cansar, só pode dar satisfaccións.

E cal foi a súa maior satisfacción?

Cando sentes o cariño e sobre todo a confianza dos veciños son os momentos que máis te enchen, pode ser un día normal ou ao ver o apoio electoral.

E o peor momento?

Como son tantos anos, coñecín moita xente que xa non está. O peor son as despedidas. Vénseme a cabeza Hemingway e Por quién doblan las campanas.

Cales son as súas afeccións?

Como din en La vida es bella, a vida ten moitas cousas boas, sinxelas, que hai que desfrutar. Ler, a música, o cine, pasear, facer deportes, o meu grandioso Real Madrid que non fai máis ca darnos satisfaccións, unha boa conversa...

Comentarios