ENTREVISTA

"Son consciente de que teriamos que facer máis pero o campus está consolidado"

A decisión de trasladar as dependencias administrativas do Vicerreitorado ao edificio Intercentros veu cargada estes últimos días de polémica. O reitor da USC, Antonio López Díaz, recoñece que puido haber un erro de comunicación pero insiste en que o pazo de Montenegro verá reforzados a súa proxección cultural e o seu vínculo con Lugo.
Antonio López Díaz, reitor da USC. SEBAS SENANDE
photo_camera Antonio López Díaz, reitor da USC. SEBAS SENANDE

A USC inicia unha nova etapa en Lugo coa idea de reforzar o vínculo da institución coa cidade. Desaparecerán as oficinas de Cultura que había no edificio do Vicerreitorado pero abrirase unha tenda antes do Nadal e haberá máis programación cultural.

En que consistirá o proxecto da Unitenda que van poñer?
A tenda estará no vestíbulo e terá tamén unha área de descanso e unha cafetería de autoservizo e ofrecerá produtos representativos da actividade da universidade e do museo do templo de Mitra. Pretendemos conectar o proxecto da tenda coa Domus do Mitreo para dar idea da proxección da USC na cidade e para que sirva tamén de elemento dinamizador.

Pensan facer obra?
Non, seremos respectuosos co espazo e co patrimonio. Colocaremos unhas estanterías e unhas vitrinas, ademais duns escanos de descanso. A actuación non afectará aos elementos actuais do vestíbulo e só se colocarán elementos complementarios de madeira integrados nunha estrutura lixeira e transparente que actuará como unha segunda pel do espazo.

Algún cambio máis?
Actualizaremos a imaxe externa do edificio substituíndo o panel de metacrilato por elementos de sinaléctica máis adaptados ao carácter patrimonial do inmoble e que o asocien claramente á USC. A actuación realizarase nas vindeiras semanas co obxectivo de ter aberto este espazo antes do comezo de Nadal.

No baixo, irá a tenda. E o resto dos andares, quedarán baleiros?
Non, utilizarémolos para os cursos que se fagan aquí ou outras actividades do plan da Xunta Corresponsables. Conservarase o despacho do reitor para cando haxa recepcións ou visitas e na última planta faranse actos, xuntanzas ou presentacións.

Pódese pensar que manter este edificio —con estes espazos tan grandes— sairía caro...
Agora imos aforrar en luz e calefacción, pero esa non foi a causa desta reorganización porque os gastos do pazo de Montenegro supoñen unha pequena parte do total dos edificios da universidade. O que si imos ver é se somos capaces de aforrar algo máis. Pasamos de gastar —en toda a USC— preto de 5 millóns de euros en luz, gas e gasoil a uns 12 e hai que tomar medidas. En Lugo, queremos reducir o consumo enerxético á cuarta parte e, para iso, en lugar de pechar os edificios ás dez da noite, pecharémolos ás oito.

Que ofrecerá ese novo programa cultural, Impluvium?
Será un programa que se fará de aquí a xuño e que ofrecerá espazos sonoros e de videocreación ademais de exposicións circulares, itinerantes de Santiago a Lugo. Haberá tamén actividades científicas que se fagan en Compostela e que trasladaremos a este edificio.

Entenderase todo este cambio de plans como unha aposta polo campus lucense?
Nós apostamos polo Campus Terra desde o primeiro. Nestes últimos anos, reuniuse aquí, por primeira vez, o Consello de Goberno da USC e tamén Lugo foi sé do primeiro doutoramento honoris causa. Non entendemos ese discurso vitimista que se fixo. Se cadra, houbo un erro noso de comunicación pero non imos abandonar o pazo, apostamos por este campus e seguiremos avanzando na redefinición das titulacións e dotándoo de profesorado. De feito, a cuarta parte das prazas de docentes están en Lugo cando este campus ten só o 18 por cento do alumnado da universidade. Son consciente de que teriamos que facer máis aínda pero temos en Lugo un campus que xa está consolidado.

Tamén se adiantou que a Domus do Mitreo integraríase na Rede Galega de Museos, da Xunta. Iso suporá que a xestión desta instalación tamén pasará a ser da Administración autonómica?
Non, a xestión seguirá a ser nosa, da USC. Iso só supón que se eleva a calificación do museo, pero ningunha cousa máis.

Dise, asÍ mesmo, que este ano houbo menos ofertas de idiomas no Centro de Linguas. Obedece isto a algún motivo en particular?
A ensinanza de idiomas vai en función da demanda que haxa todos os anos. Non significa que se desmantele nada no campus.
 

Traslado
"Para reunirse con xente do campus era un problema porque había que vir ao centro"
Que despachos había no pazo?
Estaba o despacho institucional, a secretaría do vicerreitor e  a área de Cultura. Non tiña sentido que este edificio tivese unha función administrativa. Para reunirse con xente do campus aquí era un problema porque había que desprazarse e vir ao centro, onde hai sempre problemas de aparcamento. Así que esas funcións están mellor no edificio Intercentros.
Había queixas do alumnado que vai a actividades de teatro e danza polos espazos para ensaiar...
Bueno, se fai falta, poden ter un espazo para esas actividades no pazo de Montenegro.
O edificio seguirase a chamar tamén A Casa do Saber?
Si, iso non se cambiará. Nós fixemos unha aposta moi responsable e comprometida co campus. Dous datos máis: o 27 por cento das prazas de axudante de doutor foron para o Campus Terra en en Lugo a ratio é de dez alumnos por profesor mentres que en Santiago é de dezasete. 

Comentarios