"Non veño esnaquizar senón aproveitar o que se poida, pero o carril bici desmontareino"

Naceu en Mondoñedo hai 44 anos e disponse a pelexar pola alcaldía de Lugo, cidade á que acaba de trasladarse e coa que se compromete aínda que o seu partido goberne a Deputación, segundo asegura
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Elena Candia, coa casa consistorial ao fondo. SEBAS SENANDE

Unha mindoniense de pura cepa e que sempre levou con orgullo as orixes acaba de mudarse a Lugo. Que lle vai supor máis esforzo a mudanza política ou a persoal?

Un nunca debe esquecer de onde vén nin a quen se debe. Calquera adaptación que supoña traballar dentro do meu proxecto político non supón máis esforzo. Véxoo con perspectiva, como un legado que me aporta experiencia, coñecemento e equipo para poder acometer este ilusionante reto.

Como leva as bromas sobre o seu lucensismo.

Entran dentro do normal. Cando un asume esta responsabilidade ten que ter moitas cousas, tamén sentido do humor. Non é tampouco o que con máis intensidade percibo. Síntome moi honrada e moi arroupada, con moitas  mostras de afecto e de apoio en cantidade e cualitativamente tamén, moi significativas.

"Unha das cousas que me define é que falo con moita claridade, e creo que iso é un valor"

Presidenta do PP, concelleira en Mondoñedo, deputada, vicepresidenta do Parlamento, candidata en Lugo... Non hai no PP máis xente preparada para asumir responsabilidades?

Hai moita que ten responsabilidades, non vou dicir máis importantes, pero tan importantes. Equivocámonos se calquera desas responsabilidades se personaliza en min ou nunha soa persoa. Eu non sería capaz de asumir ningunha delas, nin a que poida parecer máis sinxela, sen equipo. Os éxitos non se conseguen por unha fichaxe individual senón por ser capaz de mobilizar un equipo, que no noso caso é un exército, de maneira coordinada.

Di a actual alcaldesa que o candidato do PP non saíu das filas municipais polo seu continuo non polo non. Probe a desmentila. Que lle ofrece Elena Candia a Lugo?

Todos os principais proxectos que ten en marcha Lugo, feitos ou en execución, tróuxollos o PP. Podemos velo se paseamos polo barrio da Residencia, ao lado do auditorio ou pola contorna do Miño, e as mellores peonalizacións levan o selo do PP, Equivócase a alcaldesa buscando sempre a confrontación co PP. Ten recente un pronunciamento construtivo, como foi a aprobación do PXOM. Sendo un elemento importante para a cidade, non foi quen de acadar un acordo cos seus socios. Máis ben gustaríame saber que fixo o PSOE por Lugo nestes 25 anos.

Eses proxectos dos que fala son de hai medio século ou son da Xunta. Cales serán on os seus?

Explicareino no meu programa e dunha maneira o suficientemente clara e ilusionante para que elixan a miña opción. Neste momento non debo adiantalo, primeiro porque hai cousas que non están pechadas, e cando digo que van ser aspectos froito do consenso é verdade. Unha das cousas que me define é que falo con moita claridade, non evito ningunha resposta nin adoito facerme a morta.

Hai quen lle pon peros á súa forma de ser. Cre que lle axuda ou que lle prexudica?

Creo que ser clara e transparente é un valor, ou polo menos indicativo de honestidade. Traballar con xente que vai de fronte e con franqueza non debería ser problema.

O seu partido é moi crítico co carril bici, sobre todo na Residencia, pola perda de prazas de aparcadoiro. Que fará con el?

É crítico o meu partido e moitos veciños tamén o son. Creo que se fixo sen ningún consenso, con moita improvisación, que o trazado é desacertado e que lle afectou moi negativamente a determinadas zonas da cidade.

"Coas nosas críticas a algúns proxectos pode entenderse que estamos en contra do desenvolvemento sostible, pero non é así"

Desmontarao?

Pois si, claro. Non podo dicir que estou en contra e ao mesmo tempo dicir que se son alcaldesa o vou deixar como está. Como se vai reorientar? Hai xente que me di como idea, e non me parece desacertada, que debemos someter a referendo o trazado.

Iso igual suporía ter que devolver fondos europeos.

Un veciño díxome un día, e que así llo dixera á alcaldesa: a min se me dan os fondos europeos para que tiren a miña casa eu non os quero. Eu non veño esnaquizar, veño construír, aproveitar o que se poida, porque é diñeiro público, pero o carril bici foi unha das cousas que me fixo tomar a decisión de presentarme, ver que o goberno non está acertando e que Lugo merece outra cousa. Porque non só lle afecta aos veciños, tamén á xente de fóra que vén aos negocios de Lugo e pasa media hora dando voltas para aparcar. Penso que este proxecto foi froito desa improvisación á que están acostumados os socios, a adiantarse pola dereita e pola esquerda, a facerse trampas ao solitario, quen é máis verde, quen peonaliza máis, quen fai máis quilómetros de carril bici... Coas nosas críticas a proxectos como o carril, as caldas ou o Impulso Verde pode entenderse que estamos en contra das políticas de desenvolvemento sostible, e non é así, é algo que veu para quedarse e é tamén o meu compromiso, pero estou en contra de que algo tan serio se materialice con improvisación, porque creo que se están tomando decisións equivocadas e creo que lle van custar caro aos lucenses. 

De que maneira materializará vostede ese compromiso?

Temos un proxecto interesante que ofrecer, pero creo que non é xusto nin comigo nin co meu equipo que dea pedazos de programa. Estaría queimando etapas.

Tamén pode verse como que o PP non ten un programa definido.

Esa é unha das razóns polas que me parecía que non era acertado conceder xa unha entrevista. Temos unha fólla de ruta marcada. Todo ten o seu tempo. 

"Preséntome para recuperar o goberno do Concello de Lugo, o que desconfíe... Aos feitos me remitirei"

Agardemos entón, pero dígame só que plan ten para o cuartel San Fernando.

O meu partido fixo unha proposta hai dous anos, a do parador, coa que estou de acordo, pero o goberno local non a valorou e case a desprezou. Agora deu por confirmado que ten unha cantidade orzamentaria de fondos do ministerio. Se é así e o proxecto  [de museo da romanización] é interesante... Non o coñezo, hai que velo, xa digo que non se trata de esnaquizar todo. E se non hai financiamento e partimos de cero, nós temos tamén o noso proxecto, que sigo pensando que é bo.

Para ese proxecto de museo igual fai falta máis diñeiro. Pedirallo á Xunta?

Se o proxecto gusta e é interesante... Está tamén o Concello, que ten un orzamento de 90 millóns.

Os gastos no Concello tamén soben, leva dous anos con déficit e neste exercicio irá a un crédito. Que plan ten para a economía municipal? Subir impostos? Baixalos?

Evitar o ‘derroche’. Baixar o gasto innecesario, que temos identificado. E logo, creo que hai que baixar o Ibi. Que sexa dos máis caros de España é para analizar. Hai empresas que teñen o domicilio fiscal fóra da cidade, noutros concellos, polo que se paga aquí. Mire o imposto de circulación, e cada vez hai menos onde aparcar. Hai que repensar obras faraónicas e pensar máis nas persoas, que non haxa listaxe de espera na axuda no fogar, por exemplo. Outra maneira de ter máis ingresos é dando licenzas. Non pode haber xente con investimentos feitos que leve dous anos agardando por unha licenza. O servizo de urbanismo está bloqueado. Díxoo o concelleiro do goberno que dimitiu.

E coa praia fluvial que fará? Cre que é posible obter os permisos?

Si, Lugo ten que ter un espazo lúdico así. Eu creo que eles tamén saben que os permisos son posibles. Ofrecéronselles espazos seguros e respectuosos co medio.

Aos que a Xunta no seu día tamén lles puxo reparos.

Se o informe che apunta a determinados espazos..., é obvio. O que non podes é ir á confrontación coas administracións.

Cre que só confronta o Concello?

Eu creo que ten enriba da mesa, e dende hai moito tempo, mecanismos para poder facer realidade a praia fluvial. Se non non farían eses anuncios que fixeron. En seis mandatos non houbo tempo?

"Acertaremos se colocamos a cada un no lugar adecuado: uns na cociña, outros 'ensobrando', outros na lista..."

Contando a etapa da Deputación, leva cinco cargos en sete anos. E agora hai quen cre que utiliza a alcaldía para ir á Deputación. Se gaña manterase no Concello?

En todos os cargos que citou sempre intentei ser absolutamente responsable cos compromisos que asumín. De feito, algúns deles foron decisivos para que non asumira outras cousas. O compromiso co que asumo é difícil de cuestionar salvo por alguén que o queira facer de forma interesada. Non vou enganar os lucenses. 

A alcaldía de Mondoñedo deixouna.

Pero iso non quere dicir que non seguira traballando por Mondoñedo nin polo noso proxecto.

Esa situación podería repetirse?

Eu preséntome para recuperar o goberno do Concello. O que desconfíe… Aos feitos me remitirei.

Podería compatibilizar a alcaldía e a presidencia da Deputación?

Toca traballar a gañar!

E se perde a alcaldía e gaña a Deputación que fará?

Asumirei o compromiso que adquirín cos lucenses, como fixen sempre. Cita espazos nos que estiven na oposición.

A realidade é que as eleccións municipais levan tempo sendo case unha trituradora de candidatos para o PP. Non lle dá algo de vertixe que iso lle poida suceder?

En todas as responsabilidades que fun asumindo, o que era mellor para min quedou no último lugar. É certo que neste momento teño unha responsabilidade, especialmente no Parlamento, que é difícil de mellorar. Eu estou a servizo de Lugo e do partido. No PP para sentirnos gañadores temos que ter máis que todos os de en fronte xuntos. A outros chégalles con ter 6 de 25. 

O PP de Lugo non é o de Mondoñedo, xa só cuantitativamente. Terá que navegar máis.

Levo traballando dende 2006 co PP de Lugo, do que tiven o apoio absoluto. É unha maquinaria imparable cando lle pedimos traballo.

Que significa a presenza de Quique Rozas, que levaba anos en segunda liña e aspiraba a alcaldable, na foto de presentación da súa candidatura? Adquiriu algún compromiso con el ou con outras persoas? 

Isto non é un intercambio de cadeiras. No PP calquera sabe que para un proxecto gañador fan falta todos os perfís, que ás veces ata se complementan. Acertaremos se colocamos cada un no lugar adecuado, uns na cociña, outros ‘ensobrando’ e outros na lista... Se gañamos haberá sitio para todos e se dámos no poste, para ninguén. A habilidade virá de que todo o mundo se sinta no lugar no que máis poida aportar, esa xenerosidade.

O caso é que todo o mundo se sinta así...

Será un traballo de todos, non? Somos unha familia.

Irá á lista e á militancia de Cs para facer a súa candidatura?

Iso non o podo contestar porque non teño a lista feita. A nosa folla de ruta é chamar a todas as portas, ao que votou o PSOE e está decepcionado, ao que votou o BNG e está desgustado, ao que votou a Cs e viu que non valía para nada, ao que non foi votar porque pensaba que todos somos iguais... Hai moitos nomes, algúns que sei que noutro momento estiveron noutro partido, e non só en Cs, que me consta que foron votantes dos partidos que están no goberno, que nos están axudando porque están decepcionados.

Pactaría ou apoiaríase en Vox?

Creo que imos ter maioría absoluta e temos que traballar para iso.

E se non a teñen?

Imos tela.

Non quere contestarme...

Eu contéstolle, pero se non lle contesto o que vostede quere escoitar... Non se vai dar esa situación. Espero convencer tamén a persoas que nalgún momento puideron votar a Vox.

Falabamos antes das distintas sensibilidades que hai no PP de Lugo, como as hai tamén no PP nacional. Con quen se sinte máis identificada vostede, co PP de Ayuso ou co PP de Moreno?

Co PP de Feijóo.

E ese é o de Ayuso ou o de Moreno?

Cada territorio ten as súas peculiaridades, por iso somos a España das nacións. Pensar que o PP de Ayuso e o de Moreno non son o PP de Feijóo é caer nun debate ao que nos quere levar o peor presidente que tivo España.

As posicións dun e doutro nalgúns temas son obxectivamente distintas. 

Pero porque ao mellor xestionan realidades distintas. As necesidades, problemas e peculiaridades da comunidade de Madrid son distintas ás de Andalucía e ás de Galicia. Probablemente a nivel nacional temos o partido máis unido que tivemos nunca. É un partido moi grande, con moita xente, e temos opinións distintas, como creo que debe ser. Pero temos un partido forte e creo que o traballo do PP nacional, e do galego, vai axudar a ter un bo resultado tamén en Lugo.

Remato cunha pregunta de fóra das fronteiras lucenses. Di o becerrense Manuel Martínez que o PP anda detrás del.

Terá que dicir como, cando e onde. Nós alí xa movemos ficha. Temos unha xestora e un equipo feito, e teño que recoñecer que nos costou bastante. Terá que saber por que o di.

Comentarios