Medio século de Fuxan os Ventos

O grupo inaugura unha mostra sobre os seus 50 anos de historia entre loas polo seu traballo a prol da música e da tradición
Actuación de Fuxan os Ventos. XESÚS PONTE
photo_camera Actuación de Fuxan os Ventos. XESÚS PONTE

A mostra Fuxan os Ventos. 50 anos de historia abriu onte as súas portas no Vello Cárcere cun emotivo acto no que quedou patente o labor do grupo a prol da música e da tradición galegas. Cun auditorio que non escatimou en aplausos e loas, os membros desta formación musical lembraron os seus comezos e repasaron a historia dun grupo que traballou arreo para conservar a memoria dun pobo. "A historia de Fuxan os Ventos non se limita á música, senón que se expande á defensa da lingua galega e da soberanía do noso pobo. Ademais -dixo o grupo- fomos uns dos primeiros colectivos en intentar recuperar o patrimonio inmaterial de Galicia. Recollemos moitísimas pezas polos pobos xa que, con cada vello que marchaba, íase un anaco deste país".

A apertura da mostra -que permanecerá no Vello Cárcere ata o 22 de xaneiro de 2023- coincide co 50º aniversario da data do primeiro concerto deste grupo de música galego no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. A exposición está integrada por unha gran diversidade de material en varios formatos e conta con achegas de múltiples persoas e entidades culturais. O colectivo quixo así compartir con todos os lucenses carteis de actuacións de todos os anos, fotografías, recortes de prensa, libros de poetas, manuscritos e discos así como vídeos e audios, nalgúns casos inéditos. De feito, o público que se deixe caer polo Vello Cárcere poderá escoitar por primeira vez a canción "O corvo", recollida nunha maqueta do ano 1975, que non pasou a censura. Tamén se pode ver un vídeo inédito dunha actuación no festival folk do mesmo ano que se fixo en Santiago.

A montaxe da mostra -cunha estética minimalista para focalizar o protagonismo nas propias pezas- está dividida en tres bloques diferenciados: un, sobre a cronoloxía do grupo; outro, sobre o seu universo creativo e un terceiro, dedicado ás súas lembranzas. No primeiro bloque pódese observar a traxectoria do grupo dende 1972 ata este ano 2022, mentres que, no segundo, móstranse distintas pezas que permiten analizar os seus referentes literarios e a súa relación cos propios poetas. Concretamente, a exposición saca á luz o traballo con Marica Campo, Darío Xohán Cabana ou Manuel María, e a forma na que lles encargaban as letras para as cancións. O terceiro bloque da mostra acolle, entre outras pezas, varias cartas dos membros de Fuxan os Ventos escritas á man por eles mesmos sobre as súas distintas experiencias na formación.

A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, á percusión e voz; Pedro Lucas, na gaita, frautas e voz; Xoán Fuertes Saavedra, no violín, guitarra, bouzuki e voz; Moncho Díaz, na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros, destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero. "Pasou máis xente por Fuxan os Ventos que polo Orfeón Donostiarra", dixeron con retranca.