Lugo celebrará o Nadal con música, obradoiros, xogos e a volta da Cabalgata ás rúas

A concelleira de Cultura presenta a programación, que se prolongará do 26 de decembro ao 5 de xaneiro

Presentación da programación cultural para o Nadal en Lugo. EP
photo_camera Presentación da programación cultural para o Nadal en Lugo. EP

Desde música, obradoiros, artes escénicas e contacontos á tradicional Cabalgata de Reis. De todo isto hai na programación cultural organizada polo Concello de Lugo para o Nadal, que levará a distintos puntos da cidade "actividades diversas e para todos os públicos".

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentouna este mércores, ante unha data —a do Nadal— na que sostén que se debe "traballar tamén para recuperar e promocionar os elementos culturais da nosa terra". Nesa liña, salientou que haberá actividades para difundir á rapazada as tradicións, entre as que se atopan obradoiros de panxoliñas no Vello Cárcere ou o Rancho de Reis Xeitoso, unha actividade xa consolidada.

A programación rematará coa volta da Cabalgata de Reis ás rúas de Lugo, tras dous anos nos que foi estática polas restricións da pandemia. "Nos vindeiros días anunciaremos os espectáculos cos que os Magos de Oriente recibirán as nenas e nenos de Lugo", apuntou Ferreiro.

Rancho de Reis Xeitoso

Danzantes e cantareiras e cantareiros de Oxeito farán danzas e cantos de Nadal. Será os días 30 de decembro e 4 de xaneiro ás seis da tarde no recinto histórico.

Concerto de Aninovo

A Banda Filarmónica estará acompañada na actuación por Sara Pérez Cruz, Tamara M. Santamariña Sanmartín, Grupo Baile Irlandés, Hector Oropeza e Diego Ventoso. Ofrecerana o 3 de xaneiro ás oito da tarde no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Obradoiros de panxoliñas tradicionais

O propósito desta iniciativa é aprender e gozar os cantos tradicionais con profesores especialistas utilizando diversos instrumentos, desde a guitarra, ukelele e pequena percusión. Desenvolveranse en varias datas: en decembro, os días 26, 27, 28, 29 e 30, e en xaneiro, do 2 ao 5.

Acolleraos o Vello Cárcere, de once da mañá á unha da tarde, con dous grupos de 15 participantes por día. O primeiro estará de 11.00 a 12.00 horas e o segundo, de 12.00 a 13.00. O día 5 de xaneiro haberá unha mostra final na Cabalgata.

Pódense formalizar as inscricións no teléfono 982.297195 ou no correo [email protected].

Cabalgata de Reis

Os Reis Magos volverán á Lugo, coma sempre, o 5 de xaneiro. Comezarán o seu percorrido ás seis da tarde no Parque da Milagrosa.

Programa Medrando no Nadal

Os xogos da Shantal de Artistalia

Espazo de xogo para manipular, xogar e aprender con diferentes elementos, formas, materiais, tamaños e texturas a partir dos cero anos. Desenvolverase os días 26, 27 e 28 de decembro —de 16.00 a 18.00 horas— no recibidor do Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Crassh Babies 2.0 de Wetumtum

Espectáculo con música e humor para primeira infancia, a partir un ano. Será o 26 de decembro, de 16.30 a 18.00, no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Cada pase terá capacidade para 40 bebés e acompañantes.

Sensacional de Imaginart

Un espazo de sensacións audiovisuais para nenos e nenas de 18 meses a 3 anos, programado para o 27 de decembro no auditorio. Haberá catro pases: ás 16.30, 17.00, 17.30 e 18.00 horas. Poderán asistir a cada un dez bebés, acompañado dun adulto que non participará directamente na actividade.

Nidos de Projecte Nius

Un espectáculo para redescubrir o poder da calma e a esencia da beleza para nenas e nenos dos 0 aos 18 meses. Haberá dos pases —ás 16.30 e ás 18.00— o 28 de decembro no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Cada sesión será para un máximo de 50 persoas, adultos incluidos.

Espazo de Xogo Miudinho

Espazo de xogo libre para persoas pequenas e maiores, no recibidos do auditorio. O día 29 de decembro será de 16.00 a 17.00 horas e de 18.00 a 19.00. E o 30 de decembro, das 16.00 ás 19.00.

A música das Buguinas de Mamá Cabra e Bellón Maceiras

Unha proposta que une música tradicional cun conto que leva polo coñecemento da música para nenas e nenos a partir de 2 anos. Está programado un único pase para o 29 de decembro, ás 17.00 horas, de novo no auditorio. Hai capacidade para 80 persoas.

Nube, nube, sol de teatro ao cubo

Unha peza de teatro pensada para as máis pequenas cun traballo de teatro físico, música e moita cor no escenario. Haberá dous pases no Gustavo Freire o 30 de decembro: ás cinco da tarde e ás seis. Poden asistir a cada un ata 60 persoas.

Comentarios