Juan Viaño: "Non hai sector no que non teña cabida un matemático"

O catedrático de Matemáticas Aplicadas e exrector da USC, ofrecerá a conferencia ‘As matemáticas da (miña) vida para curiosos e afeccionados’ este venres, ás 19.00 horas, na Casa do Saber de Lugo
viaño6
photo_camera Juan Viaño. AEP

Juan Viaño chega a Lugo para falar do seu. O ex reitor da USC dará unha charla aberta ao público e está convencido de que os asistentes sairán dela tendo claro que as matemáticas están en todos os aspectos da vida e teñen múltiples aplicacións. 

Sendo decano implantou en Galicia o programa Estalmat para atraer novo talento á carreira. Tan mal estaba entón a cousa como para necesitar ese pulo?

En efecto. Cando fun decano, entre o 2000 e 2008, verdadeiramente a entrada de alumnos na facultade decaera moitísimo. En concreto, pasamos dunha situación envidiable no 1995 e 1996, cando entraban 250 alumnos, a outra na que entraban apenas 30 ou 35 na Facultade de Matemáticas da USC, que é a única de Galicia. Era un momento no que o atractivo da titulación era mínimo. O programa de Estímulo do Talento Matemático foi unha das accións que puxemos en marcha por este motivo, o de atraer alumnos á facultade e talento en beneficio da sociedade galega, en definitiva.

Parece que funcionou...

Foi un programa que tivo moito éxito. Estiven á fronte durante 15 anos, ata o 2021. Despois xa o deixei en mans da actual decana.

Por que pensa que a carreira resultaba tan pouco atractiva naquel momento?

Penso que naquel momento as necesidades que a sociedade tiña dos matemáticos estaban moi reducidas porque se pensaba que só servían para dar clase de matemáticas en calquera dos niveis, pero, fundamentalmente, no ensino medio, e era un momento no que  non había moitas prazas. Pensábase que non tiña saídas. A cousa non era así porque a estrutura mental que se adquire na carreira de Matemáticas, como ben se viu nos anos posteriores, realmente fai profesionais moi demandados en moitos sectores e prezados pola súa maneira de afrontar os problemas, formalizalos, entendelos e resolvelos. Agora mesmo o paro é cero. Temos unha entrada actualmente de 125 alumnos por ano máis 25 prazas nos dous dobres grados e unha nota de corte das máis altas das titulacións galegas. Neste momento non hai sector onde un matemático non teña cabida. Pódese dicir que as mentes matemáticas moven o mundo.

Din que é a máis versátil das STEM.

É unha titulación que dá unha formación mental que ten aplicación como linguaxe universal que é. As matemáticas serven para formular problemas en todas as ciencias básicas. Problemas da Física, Química, Bioloxía, Enxeñarías..., de loxística, de grandes cantidades de datos... Neste momento mesmo se empregan nunha torre de control dun aeroporto como nunha gran distribuidora de produtos, nun banco de datos dun hospital, nun centro de simulación dun centro de automoción, nun centro aeronáutico... A demanda agora é abrumadora e pénsase que seguirá así.

Se como din vostedes as matemáticas están en todas partes, como se pode facer para que resulten de interese a nenos e mozos sen forzalos?

Efectivamente ese é un dos grandes segredos no que sempre temos que mellorar. Como disciplina abstracta que é non é sinxela, necesita un certo esforzo e unha presentación atractiva aos estudantes. Temos que escapar de presentalas como un castelo de operacións sen sentido, aburrir os alumnos con exercicios repetitivos, que é unha das circunstancias que no ensino medio fan abandonar aos estudantes, e presentar esto como útil para a vida, sen o que non somos capaces de defendernos nin na tenda do pan, nin no supermercado, nin no banco cando imos pedir unha hipoteca. E de aí a todos os demais problemas complexos que se nos poden presentar. Coas matemáticas resolvemos problemas na meteoroloxía, na ciencia médica, na xenética, na xenómica, nos sondeos, na simulación de terremotos ou tsunamis ou no comportamento dunha ponte ou viaduto. As matemáticas neste momento resolven a maior parte dos problemas que á humanidade se lle presentan ou polo menos intenta resolvelos e formalizalos.

Hai carreiras de ciencias como Medicina nas que as mulleres xa son ampla maioría, pero Matemáticas segue presentando unha fenda de xénero. Por que cre que pasa iso?

É bastante curioso. Tradicionalmente, en Matemáticas sempre existiu unha porcentaxe de alumnado feminino moi importante. Xa dende hai 40 anos a presenza de mulleres na carreira non era residual senón moi importante. Chegou a ser do 50% nalgunhas etapas, pero dá a impresión de que, canto máis competitiva se fai a titulación e máis difícil é entrar, as mulleres escapan e van a outras titulacións nas que tampouco parece que a competencia sexa escasa. Pero semella que en canto se instaura esa competitividade ao alumnado feminino non lle resulta tan atractiva. En calquera caso a presenza de mulleres é importante.

No seu mandato como reitor puxéronse en marcha titulacións como Robótica no campus de Lugo...

Sí, é unha das realizacións do noso mandato da que me considero máis satisfeito. Foi unha loita importante para poñer en Lugo titulacións que resultasen atractivas e poder levantar o campus que estaba nunha situación preocupante porque a baixa de alumnos era continua. A instalación de Robótica, Bioquímica e Emprendemento e Tecnoloxía foron exitosas e penso que foron un acerto.

Volva facer de reitor por un intre e bote unha ollada á Universidade, que lle falta e que lle sobra?

Creo que neste momento a universidade en xeral, e en particular a nosa, está afectada dun clima de falta de confianza, de conformismo, de certo derrotismo que seguramente vén motivado por esa circunstancia en toda a sociedade. Creo que a comunidade universitaria non se está implicando como en anos pasados en diagnosticar os seus problemas, en resolvelos. Hai que unir a isto circunstancias coxunturales que teñen un efecto tremendo como poden ser as numerosísimas xubilacións e a falta de reposición do novo profesorado. Por suposto, a Universidade vai decrecer en alumnos porque así o impón a baixa natalidade actual. Polo tanto creo que necesita unha revisión cara ao interior, sen dúbida algunha, porque teremos que implicarnos en novas estruturas de funcionamento, en novas formas de gobernanza e romper con ese conformismo ante o que nos vén, que son unhas circunstancias moi complicadas para toda a sociedade. A Universidade ten que ser punta de lanza en aportar solucións. Así o fixo en todas as crises e así o ten que facer de novo. Fíxoo na pandemia, na crise do Prestige..., coa investigación de base, á que se sempre se lle adican recursos escasos en España, que ten unha porcentaxe mínima do PIB adicado á investigación. Aínda así está moi ben situada a nivel mundial. o que fala dos esforzos que se fan nas universidades.