A Feira do Mel chega ao San Froilán

O mercado que promoven a Asociación de Apicultores de Lugo e o Concello adiántase este ano á próxima fin de semana e coincidirá tamén coa primeira Feira de Olería Tradicional de Lugo
Una edición anterior de la Feira do Mel de Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Feira do Mel de Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)

Unha carpa na Praza da Soidade acollerá os próximos sábado e domingo a Feira do Mel de Lugo, un mercado que adoitaba celebrarse nese lugar o último domingo de outubro e que este ano se adiantará e se prolongará durante dous días para darlle más realce e para favorecer a venda aos produtores. Coincidirá coas festas do San Froilán, que xa conta cunha ampla programación. 

Así o explicaron este luns Pablo Piñeiro, da Asociación de Apicultores de Lugo, e a concelleira de Participación e Servizos á Cidadanía, Cristina López. 

No mercado poderanse atopar meles de distintas procedencias, xa que o sábado haberá doce apicultores e o domingo, outros doce. O segundo día repetirase a cata de mel que tanto éxito tivo o ano pasado, ás 13.00 horas. E como novidade, o sábado levarase a cabo un obradoiro de velas, ás 12.00 horas. 

Os cidadáns tamén poderán ver na Soidade algunha peza de artesanía relacionada coa apicultura, como meleiras, e uns metros máis arriba, fronte á Praza de Abastos, terán a oportunidade de gozar da primeria Feira de Olería Tradicional de Lugo. É unha iniciativa do Concello e da Deputación e participarán 14 artesáns de distintas zonas de Galicia e do resto de España, como Bonxe (Lugo), Buño (A Coruña), Talavera de la Reina (Toledo) e Úbeda (Jaén), entre outros lugares.

Pouca choiva e pouco mel

A colleita de mel foi pequena este ano en Galicia debido a que entre febreiro e setembro case non choveu. "As abellas precisan que chova para que saian as frores e que faga sol para poderen traballar, que o sol e a choiva vaian alternando", explica Piñeiro. 

A producción leva anos resentíndose por factores diversos, dende doenzas das abellas a incendios e monocultivos, e quizais por iso "dende hai seis ou sete anos, o mel colleu valor". O quilo pasou das mil pesetas aos dez euros, estima Piñeiro, presidente dos produtores lucenses e veterinario.

Tamén crece o número de apicultores, algo que se percibe tanto nos números da Apla, que conta cuns 380 socios, como no rexistro de produtores profesionais, categoría que se alcanza a partir das 150 colmeas. Na provincia hai un produtor con 1.400. El é de Guitiriz, pero ten asentamentos en distintos lugares porque non é recomendable xuntar máis de 40 ou 50 colmeas. "As abellas traballan nun radio de tres quilómetros, se pos máis limítalas moito", explica Piñeiro.

O veterinario da Apla quere ver nese aumento da apicultura no interese e na preocupación dos cidadáns por contribuír a manter a biodiversidade, algo no que as abellas son fundamentais porque constitúen un dos principais axentes polinizadores. "Hai xente que empeza na apicultura como afección e acaba facéndose profesional", explica Piñeiro. Apla conta incluso con socios que xa non teñen colmeas e con algún que nunca as tivo pero que sente gusto por esta práctica e polas actividades que leva a cabo o colectivo. "Acabamos de facer un curso sobre tratamentos e dámos unha revista anual, O Cortizo".

Comentarios