Celebración da Constitución en Lugo: festa, deberes e intrigas

A subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, sinalou o interese de revisar a Carta Magna tras 44 anos en vigor para adaptala aos novos retos da sociedade e a popular Elena Candia e o exsocialista Jesús Otero bromearon sobre unha candidatura independente en Monterroso
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Celebración da Constitución en Lugo. XESÚS PONTE

Foi día de festa este martes na Subdelegación do Goberno de Lugo porque se celebraban 44 anos da Constitución Española máis lonxeva e porque supoñía o reencontro de autoridades, de veciños e de representantes de múltiples colectivos da cidade despois de dous anos de restricións pola pandemia.

Foi tamén un día de para poñer deberes, porque nas catro décadas que van dende que en 1978 se firmou a Carta Magna "a sociedade transformouse e naceron novas reivindicacións e sensibilidades que son necesarias incorporar ás xa redactadas, como o recoñecemento ás persoas con discapacidade, a loita contra a violencia de xénero e a discriminación ou a protección do medio ambiente", sinalou a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez. E foi, por último, unha ocasión para o compadreo e a intriga política. 

Adversarios como o senador do PP José Manuel Barreiro e o deputado socialista Javier Cerqueiro aparcaron as liortas para saudarse amigablemente. O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, departiu, como é habitual, co presidente da Deputación, alcalde de Monforte e bo amigo, José Tomé. Co concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, Miguel Fernández, Quiroga comentou algúns dos asuntos que teñen entre mans. 

A Fernández, voceiro da parte socialista do bipartito lucense, ardéronlle as orellas cos reproches vestidos de chanzas da voceira de Cs no Concello, Olga Louzao, a conta do presupusto que o goberno presentara o día antes. E unha das conversas máis longas e animadas foi a do exsocialista Jesús Otero, exdelegado do Goberno e exalcalde de Monterroso, e a presidenta provincial do PP e candidata á alcaldía de Lugo, Elena Candia, á que despois se sumarían outros populares, como Barreiro e o deputado e coordinador provincial do partido, José Manuel Balseiro. Otero bromeou con que ía presentar unha candidatura independente en Monterroso para competir co socialista Antonio Gato. "¡El dicho e eu confírmoo!", seguiulle o xogo Candia. Foi pouco antes de que Tomé pasara polo grupo para unha curta aperta de mans.

As chanzas políticas produxéronse despois dun discurso no que a subdelegada do Goberno fixera un chamamento a todas as administracións a traballar xuntas "en beneficio do interese xeral".
 

Un espello da sociedade luguesa de novo na sede de Armañá

O aniversario da Constitución celebrouse cunha ampla presenza política —dos partidos que están nas institucións só faltou o BNG, que defende é unha república galega— e do resto da sociedade. 

Asistiron rexedores de varios concellos, o exalcalde de Lugo José López Orozco, que charlou coa rexedora, Lara Méndez; o exsenador Sánchez Castiñeiras, o expresidente do PP José Luis Iravedra, e senadores e deputados.

Estiveron representados todos os corpos e forzas de seguridade, entre eles o Ministerio de Defensa, co seu subdelegado na provincia, José Fernández Arrojo. O presidente provisional da Audiencia, Edgar Cloos; o vicerreitor do campus, Francisco Fraga, e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, foron outros asisentes. Acudiron tamén, entre outros, Ana Traseira, pola Uned; Aurora Carro, representante das viúvas; Marta Rodríguez Engroba, da asociación de mulleres maltratadas Si, hai saída; Eduardo Iglesias, do Colexio de Médicos; Lourdes Bermello; Luis García Santalla, da Fundación CEL; do Colexio de Odontólogos, María Núñez; do Colexio de Economistas, Salustiano Velo, e de Cruz Vermella, Luis Abelleira.

Os rapaces Carlos, Nuria, Paula e Xiana leron artihos da Constitución e ao remate do acto soaron os himnos galego e español.